Montse Fajardo: «Virxinia Pereira defendeu o país e a lingua e foi unha loitadora antifranquista de seu»

Félix Jorquera / L.L. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

CONCELLO DE PONTE CALDELAS

A escritora presenta o sábado 7 o libro na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei

07 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Montse Fajardo presenta en Outeiro de Rei (sábado 7, 18.00 horas, Casa-Museo Manuel María) o libro A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira. Da obra falou no programa Voces de Lugo, de Radio Voz.

-Este proxecto nace no Concello de Pontevedra, nunha web onde facemos pequenas biografías de mulleres. Iamos facer un par de folios resumindo a biografía de Virxinia Pereira, pero acabou sendo un libro de 312 páxinas. Foi básico para nós atopar unhas cartas que ela intercambia, xa viúva, con Otero Pedrayo, nas que Virxina defende o país, a lingua, a cultura e se amosa como unha loitadora antifranquista de seu, non por ser a muller de Castelao, senón por crer firmemente nesas ideas. Pensamos reivindicar a esta muller e sacala da idea que había dela solo como compañeira de Castelao, moi leal, que si foi, ou como unha enfermeira marabillosa na durísima enfermidade de Castelao, que tamén foi.

-As mulleres están esquecidas na historia do galeguismo de principios do século XX.

-Hai moita muller implicada politicamente que está por descubrir. Pero hai outras que si teñen unha biografía recoñecida de seu. Non pasaba iso con Virxinia. A política era entón un territorio vedado, pero non significa que as mulleres non tiveran inquedanzas. Estaban entrando timidamente a formar parte da política a principios de século, por iso foi tan grave especialmente para as mulleres o golpe de Estado. Non só foi unha represión individual con mulleres rapadas, mestras sacadas das aulas, encarceradas... foi un castigo para todas, recluíndoas no ámbito doméstico. Virxinia estaba no exilio e puido participar en certas cuestións da defensa de Galicia na diáspora.

-¿Foi difícil atopar datos?

-Castelao é inmenso, inabarcable, pero sobre Virxinia foi difícil, e foi básico acceder ao epistolario con Otero Pedrayo e Valentín Paz Andrade, que ademais foi o seu avogado, e que nos permitiu sacar datos sobre o complicadísimo testamento e herdanza de Castelao. Galicia non tería tanto legado de Castelao se non fose por Virxinia.