Alberto Grandío, de Escobijazz: «Se nos quitan a cultura, en que nos diferenciamos do ornitorrinco?»
LUGO CIUDAD
O Festival de Jazz de Lugo cumpre 30 anos cunha edición histórica, con cambios de última hora, entradas esgotadas e artistas de primeiro nivel
06 nov 2020 . Actualizado a las 07:58 h.O Festival de Jazz de Lugo celebra o seu trinta aniversario cunha edición histórica, marcada polas restricións derivadas da pandemia, con entradas esgotadas, cambios de última hora... pero, iso si, con artistas de primeiro nivel e unha aposta clara e firme pola cultura, a costa de moito esforzo e tenacidade. O presidente da asociación Escobijazz, que organiza o festival, e tamén encargado da sala de concertos Club Clavicémbalo, Alberto Grandío, sabe moito diso.
-Como se presenta o Festival de Jazz deste ano?
-Non vai haber entradas. Hai concertos marabillosos, pero só trinta persoas poderán gozar deles. Non nos plantexamos suspendelo, temos que mantelo, pola cultura, porque hai xa moitos gastos feitos, para que os músicos cobren... Eu defendo aos músicos a morte porque a música é esencial. Claro que o primeiro é a saúde e comer, pero despois está a cultura. Se nos quitan a cultura, en que nos diferenciamos do ornitorrinco?
-Como afectan as novas restricións ao programa do festival?
-En moitos sentidos. E eu, sinceramente, non contaba con iso. Pero seguiremos para adiante. En primeiro lugar, os aforos. Tiñamos previsto un aforo inicial de 130 persoas no Círculo, máis que suficiente para garantir as distancias, despois houbo que reducilo a 60, e agora ten que ser a 30. Co cal, esgotaranse todas as entradas. Nalgún caso, mesmo tivemos que devolver algunhas. O concerto de Salvador Sobral, por exemplo, tiña todo vendido, e a metade tivémolas que devolver. Despois hai outro problema: onde comen os músicos? Os artistas dormen no Méndez Núñez, e esperamos que poidan comer alí. En canto ao programa, esta noite [venres 6] actuará no Clavi Minton's Jazz Quintet, e despois xa ten que pechar a sala. Co cal, suspendemos catro concertos. O de Lucía Rey Trío e Roberto Nieva Quintet mantéñense, pero na Casa do Saber.
-Como se organiza un festival así en tempos de pandemia?
-O programa estaba case pechado en febreiro, porque celebramos o trinta aniversario e tiñamos un festival de pata negra. Despois empezou a pandemia e os músicos americanos comezaron a cancelar... Finalmente, conseguimos un festival de moita calidade, pero moi diferente, o menos jazzístico que fixemos.
-Que destacaría do programa?
-O máis mediático é Salvador Sobral. O domingo tamén hai unha homenaxe a Charlie Parker, baseada na actuación do Massey Hall de Toronto; o luns estará un dos mellores guitarristas do mundo, descoñecido para moitos, Yamandú Costa; o martes, o mítico saxofonista Jean Toussaint; o mércores, Raúl Rodríguez, con toques flamencos; o xoves, chegan recoñecidos artistas galegos; o día 13, un concerto especial gratuíto xa sen entradas; o 14, Clarence Bekker Band, cun concerto moi bailable de funky e soul... esperemos que non prohiban mover as cadeiras nas cadeiras...
-O artista Lomarti tamén colaborou cunha obra...
-Si. A idea xurdiu no confinamento, que tiven moito tempo para barrenar, e como a min me gusta moito a obra de El Bosco, sobre todo, O xardín das delicias, propúxenlle a Lomarti facer algo. E fixo un tríptico para celebrar os 30 anos do festival, baseado en El Bosco. Estará no Círculo e logo irá ao Clavi.
-E como afronta o Clavi as novas restricións?
-Pois é un pau moi grande, outro máis. De novo os traballadores ao ERTE e negociando axudas para o sector, que esperemos que non sexan como pasaba na lei da dependencia, que se recibían cando a xente xa morrera.