En Lugo


Omeu amigo Paco Mariló asegura que estamos a sufrir tres crises severas. Unha, a do coronavirus. Dúas, a económica. E unha terceira que el denomina «alteracións do coco». Certo. Agora que non podemos quedar, os da cuadrilla vémonos nos supermercados. Onte cruceime co Tavito. Coñecino baixo a máscara porque de seguida se lle iluminaron os ollos e, de non ser por un repoñedor de estantes, aínda estariamos abrazándonos. «Señores, hay que mantener las distancias», dixo con responsabilidade. Polo tanto, o abrazo quedou en intento. O Tavito non tiña o acordeón para cantar e a min a nostalxia case me empuxou a atoutiñar un bolero. Calei. Despois fun á panadería do Lolo. Encontreime co Toñín Rojano. Non me deu nin os bos días. De contado comezou a falar con expresións que aínda agora non entendo: «Sabes a última do Julito?», preguntoume. Eu contestei que non. E el dixo, palabra arriba ou palabra abaixo: «En Lugo. O do bigotiño do Salgueiro. O da Montesa Impala. O do casco da guerra. Agora vai a Lugo. E quere dietas e quilometraxe. O noso Julito, quilometraxe, en Lugo... pero cómo lle van pagar os quilómetros. O Julio do Salgueiro». O seu discurso seguiu o mesmo ton durante minutos. Eu: «Rojano, que teño que marchar». El: «En Lugo, o noso Julito». Saín da conversa con pleno descoñecemento do que quería dicir o Toñín. Chamei ao Julito e non contestou. Chamei a todos os da cuadrilla e ningún sabía nada. Todos, tamén, falaron de cuestións tan absurdas como as que dispensou o Toñín. Polo tanto, se os lectores de Lugo ven a un tipo con bigote, casco antigo e subido nunha Montesa Impala, chámenme. En Verín, das tres crises do Mariló, sufrimos unha principalmente: a terceira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
26 votos
Comentarios

En Lugo