Lugo Monumental propón aos máis pequenos un Samaín divertido, pero con moito «sentidiño»
LUGO CIUDAD

A asociación organiza visitas nocturnas polo patrimonio lucense, un escenario do terror e o «truco ou trato»
28 oct 2020 . Actualizado a las 09:37 h.Lugo Monumental propón aos máis pequenos un Samaín divertido, pero seguro e con moito «sentidiño». Desde a asociación, explican que renunciaron a organizar calquera actividade que poida supoñer a xuntanza de persoas, «tanto polas normativas vixentes, coma por puro sentido común». De aí que, este ano, as actividades se visen reducidas a visitas guiadas de cinco persoas, un escenario do terror e o «Truco ou trato». Ademais, máis de medio cento de locais da cidade participan no reparto de doces para os nenos.
Desde o colectivo lucense son conscientes de que estamos nun «momento complicado, en que a situación sanitaria é delicada e é complexo organizar actividades que equilibren a atracción de público e o respecto ás precaucións que tanto polas normas como polo máis elemental sentido común, temos que tomar». Pero tamén explican que é «moi duro para os nenos e as súas familias ver como tras un verán estraño e unha volta ao cole tan peculiar, vanse cancelando as festas e celebracións que tanto esperaban».
De aí que, tentando equilibrar os dous aspectos, a asociación Lugo Monumental, coa colaboración de máis de cincuenta locais, quixera buscar unha forma de que os nenos poidan gozar, na medida do posible, do Samaín, sen que iso supoña risco algún para a súa saúde nin a das súas familias: «Samaín é a festa do oculto, o día en que o mundo dos vivos está máis preto do dos defuntos, e se no 2019 se dedicou aos vampiros, esta edición centrarase na maxia. Desde a tradicional meiga galega ata os feitizos de Harry Potter, queremos celebrar cos máis pequenos da casa a ilusión dun mundo que transcenda a realidade», explican.
As tres actividades programadas, que se levarán a cabo sempre que a situación sanitaria o permita, son as seguintes:
Visitas turísticas nocturnas
A guía oficial de turismo Ana Mª Quintas organiza visitas guiadas que terán lugar os días 30 e 31 ás 20.00 horas. Visitaranse a Muralla e o exterior da Catedral, dando as claves que levaron a ambos monumentos a converterse en Patrimonio da Humanidade, e terminará a visita falando da tradicional festa de Samaín en Galicia.
A visita custa 10 euros por persoa. O grupo será de 5 persoas por visita, sendo este o número mínimo para que se realice a visita e tamén máximo para garantir a seguridade sanitaria. Os interesados en participar poden informarse ou reservar no 617 254 976.
Escenario do terror
Se no 2019 houbo un escenario do terror en que os nenos podían facerse unha foto dentro dun cadaleito, no 2020 preparouse un fondo máis grande que o anterior (de 2,5 x 3 metros) que estaría atendido por unha bruxa, dada a temática elixida para este ano.
Con todo, a prudencia obriga a modificar este punto da programación e, en lugar de instalar o escenario na rúa, colocarase o gráfico, obra do artista Jesús Crende, autor da serie «Lugo Apocalíptico» (ao que agradecen, un ano máis, a súa desinteresada colaboración), no escaparate dun local que xenerosamente cedeu o seu uso. Trátase de Cortinajes Carlos, na Rúa San Froilán, ao que, entre os días 30 de outubro e 1 de novembro, os lucenses poderán acudir para fotografarse fronte ao fondo deseñado por Crende en que se pode ver unha terrible imaxe da Catedral de Lugo destruída.
Truco ou Trato
Á vista do grande éxito que tivo a actividade do Truco ou Trato no ano 2019, e dado que non supón a concentración de persoas nun mesmo punto, desde Lugo Monumental decidiron seguir adiante con esta celebración. Os nenos, disfrazados dos seus personaxes máis queridos ou dos monstros máis aterradores, irán polos máis de 50 locais colaboradores a trocar o seu bo comportamento por doces. Cada local disporá dunhas cestas de Samaín para regalar aos nenos que considere conveniente ao seu criterio, supoñendo un total de preto de 1.000 cestas para regalar aos participantes que acudan disfrazados e que desa forma poidan recoller o seu doce botín.
Os locais colaboradores anunciaranse na web da Asociación, no enderezo www.lugomonumental.es e, ademais dunha listaxe para descargar, haberá un plano virtual en Google Maps en que se recollerá a cada un deles. Tamén se pode pedir a listaxe de locais participantes enviando un whatsapp ao número 644 637 444. Os locais estarán identificados cun cartel anunciador do Samaín Meigallo.
Dado que son máis de 50 os locais participantes, non haberá concentración de nenos, pero cada local tomará as medidas necesarias para garantir que se cumpren as restricións de aforo e de limitación de público. Os grupos de nenos e os seus adultos acompañantes deberán observar as restricións decretadas pola autoridade sanitaria, non reuníndose máis de cinco persoas en cada un deles. Así mesmo, cada local terá dispoñibles xeles desinfectantes e será persoal do local o que deposite os caramelos nas cestas dos nenos para evitar a manipulación dos doces por terceiras persoas.