Foi tamén profesor do Feminino, director do instituto Xoán Montes de Lugo e membro do consello de redacción da revista Lucensia
26 oct 2020 . Actualizado a las 13:51 h.Manuel Rodríguez Sánchez, bibliotecario do Seminario de Lugo, faleceu este domingo 18 de octubre pasado. Foi bibliotecario do Seminario entre 1999 e 2020 e membro do consello de redacción da revista Lucensia. Ademais foi director do instituto Xoán Montes de Lugo na década dos 80. Nado en 1940 no Courel, estudou Filosofía Clásica en Roma, logo Filoloxía Bíblica Trilingüe en Salamanca e diplomouse en Paleografía (estudo das escrituras antigas) en Sevilla. Deu clase no Seminario, foi catedrático de Latín no Instituto Feminino de Lugo e logo dirixiu o Xoán Montes.
Hai cinco anos, nunha entrevista concedida ao xornalista Xosé Carreira, este custodio da sabedoría, sinalaba que «a pesares de estar xubilado, os cen mil volumes da biblioteca ocúpame todo o tempo que teño. Boto polo menos toda a mañá nela porque hai moitas cousas para facer. Hai que publicar traballos, atender cousas que piden de fóra, preparar Lucensia a revista que editamos nós...».
Óscar González Murado, director do Arquivo Diocesano de Lugo, fai unha semblanza da figura deste home apaixoado dunha das bibliotecas máis antigas de Galicia:
«Desde o ano 1999 ata o 2020 rexiu a biblioteca do Seminario de Lugo don Manuel (Rodríguez Sánchez), sucedendo a don Arximiro (López Rivas). Este período de vinte anos significaron a introdución da biblioteca na era informática e a adecuación da mesma a novos espazos. Con el chegou a era informática á nosa biblioteca: primeiro foi o Libermarc e despois a rede galega de Meiga.
Pouco a pouco os ficheiros de papel foron reemplazados pola escritura sobre area. Cal Quixote que sae a liberar doncelas e a desfacer entuertos intentou estar sempre actualizado dixitalmente. Descubriu primeiro os pinchos -como dicía el- e xa ultimamente o dropbox, que non lle funcionaba como quería. A súa teima era sincronizar o que traballaba na casa co que facía na biblioteca. Tiña a mesma curiosidade que un neno: Nada se lle resistía e nada lle era estraño. Incluso chegou a facer un tratado para resolver o cubo de rubik. Mantiña a mesma paixón e a mesma intensidade para as novas tecnoloxías que para a antigüidade clásica. Para por exemplos remitía con asiduidade ós clásicos e recitábaos coma ninguén: Sófocles, Homero ... Era un viaxeiro entre dous mundos: o clásico do que sacaba exemplos e o universo dixital do que era capaz de sacar aplicacións para as sús aficións e empresas. Nos últimos anos de vida propúxose facer visitas imaxinarias a lugares recónditos da diocese, falando latines cos cabaleiros e cos doantes de terras para o bispo, recreando escenas e sucesos con certa gracia. Tiña curiosidade pola epigrafía e polas malas lecturas do latín. Os erros non eran erros senón que tiñan unha causa. Fixo do latín a súa lingua de defensa considerando que nesta época era un valor do que non se podía prescindir. Era un gran conversador e sempre en constante diálogo coa cultura circundante e sempre presto a resolver calquer dúbida. Velaba pola promoción dos que tiña ó seu lado. Sempre para a cultura, para a sociedade, para a familia é unha perda a desaparición dun membro seu pero neste caso é un cachiño de coñecemento dialéctico o que se perde (O labor do bibliotecario sempre é ese: dar respostas continuas a preguntas que cambian de interlocutor pero que cambian conforme cambia o mundo)».
Óscar González Murado, director del Archivo diocesano de Lugo.