«No fútbol fanse amigos de verdade»

Enrique Rodríguez xogou no Lemos e na Sarriana tras comezar no Celta

Rodríguez cre que o deporter axuda a superar moitos problemas
Rodríguez cre que o deporter axuda a superar moitos problemas

LUGO / LA VOZ

Alguén que como futbolista xogou contra Alfredo Di Stefano e que tivo, estando nun equipo de Terceira División cando aínda non había Segunda B, ofertas para fichar por un de Primeira semella voz autorizada para falar deste deporte. Enrique Rodríguez fala do fútbol con satisfacción, non só porque foi o seu medio de vida senón porque lle gustou e lle gusta moito. Pero non queda no pasado: ten practicado algo de hípica nos últimos tempos e comenta unha recente excursión en globo pola Ribeira Sacra.

—Paga a pena deixar o lugar onde se naceu e saír fóra para xogar ao fútbol?

—A xente está moi equivocada. O 99 % da xente que xoga ao fútbol faino por afección. Eu pagaría por xogar ao fútbol. Tiven ademais o beneficio de que me pagasen: era o mellor beneficio que podía ter. Que me pagasen eran circunstancias da vida; pero seguiría xogando agora, porque era o que máis me gustaba.

—Que lle deu o fútbol en todos eses anos?

—O importante é facer deporte. Iso nótase despois, porque eu, por exemplo, metín no deporte aos meus fillos [ten catro]. Todos foron bos deportistas, e o deporte evita o 90 % dos problemas.

—É realmente certo que se fan amizades no fútbol, que hai bo ambiente?

—Un ambiente extraordinario. Eu xúntome todos os anos con antigos xogadores do Lemos e da Sarriana... No fútbol fanse amigos de verdade; nun equipo, normalmente, hai moi bo ambiente.

—Cambiou a dimensión humana dende os tempos nos que vostede xogaba?

—Cambiou, como cambiou todo. No compañeirismo? Non sei. Eu tiven algún problema porque me responsabilizaba moito: era capitán e defendía aos compañeiros. Agora pode haber tamén ese compañeirismo. O que está claro é que o fútbol de agora é mellor ca o de antes. Todo vai a mellor. Aí penso distinto ao que pensa a maioría e podo demostralo con feitos.

—Diga, pois.

—Antes os adestradores non tiñan psicólogo, nin preparador físico, ni adestrador de porteiros. Vin, hai anos, unha reportaxe sobre [Pep] Guardiola. Sabes cantos axudantes tiña? 32. Antes era impensable todo iso.

—Parécelle importante o psicólogo nun equipo de fútbol?

—Si. No fútbol comézase moi novo, e moita xente non sabe cal é a responsabilidade de xogar diante de 50.000 persoas. Hai que sobrepoñerse a moitas cousas.

—Sempre é futbolista o que foi futbolista de novo?

—Si. Vexo fútbol, e véxoo dende o punto de vista do adesteador e do xogador. Se tivese sido fisioterapeuta, diría ‘vaia golpe lle deron a ese'. Un xogador non ten por que coñecer as profundidades do fútbol, iso hai que aprendelo. Sendo aínda xogador, xa saquei o título de adestrador, porque hai que aprender moitas cousas.

—Que sensacións de plenitude deixa o fútbol?

—Enfróntaste coa vida cun espírito máis deportivo. En calquera deporte hai situacións boas e malas, e iso, para a vida, axúdache se estás preparado fisica e mentalmente.

—Pásao ben un adestrador?

—Non. A de adestador foi a miña peor época no fútbol. Cando xogas, non tes problema ningún; tes o problema de non gañar, pero fas o que che gusta e iso lévase de marabilla. Un adestrador ten 40.000 problemas e outro máis, o dos directivos. Se tes un carácter coma o meu, é complicado. Póñoche un exemplo de Lugo. Para min, o mellor adestrador que pasou por Lugo foi Quique Setién, que durou pouco nos equipos nos que estivo e que coincidiu con presidentes que o botaron axiña. Por que? Porque é unha persoa de carácter, que non se deixa manipular.

«A afección do Lemos era impresionante; ás veces, gañaba ela soa os partidos»

Rodríguez foi adestrador de equipos coma o Meira e o Milagrosa, aínda que garda unha especial lembranza dun de Lugo, Capilla San Roque, presidido por un crego. O equipo gañou un campionato local, pero Rodríguez salienta outro aspecto daqueles xogadores: «Son amiguísimos meus», di.

—Cambiou a relación cos equipos nas cidades pequenas e nas vilas?

—Non coñezo moito ese mundo hoxe. Creo que o fútbol nas vilas non é igual. A xente é máis cómoda, ve o fútbol na casa: se vai ver un partido, pasa frío, e iso inflúe. O que si recordo é que en Monforte a afección era impresionante: ás veces, gañaba os partidos ela soa. A afección de Lugo é fría; en Monforte, ás veces, gañaba os partidos.

Xogar con amigos e apostar un café «é algo que non se mellora»

Rodríguez lembra que en Vigo vivía preto do mar, pero bañarse ou tomar o sol eran para el cuestións insignificantes nunha praia: pouco valían esas afeccións fronte ao pracer de xogar con amigos na area. Para el, hai moita diferenza entre un deporte individual e un colectivo: botar un partido cun amigos e apostar nada máis ca uns cafés «é algo que non se mellora», di. Trátase, pois, dunha paixón, o cal tamén supón certos riscos. Para Rodríguez, pode resultar complicada a vida de quen deixa o fútbol e non ten previsto nada para ese novo tempo na súa vida.

Tamén recorda que cando era novo e estaba no Celta xuvenil, o contacto cos membros do primeiro equipo, co que chegou a xogar, lle impoñía certo respecto: «Tiña algo de medo, porque era un salto moi grande», di.

Orixe

Enrique Fernández naceu en Vigo en 1945. Comezou no Celta xuvenil e xogou algúns partidos co primeiro equipo.

Traxectoria

Xogou no Cádiz, no Xaén, no Palencia, no Lemos e na Sarriana.

Evolución

Xogou ao fútbol sala ao deixar o fútbol. Traballou nunha caixa de aforros. Vive en Lugo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«No fútbol fanse amigos de verdade»