En marcha unha campaña de control de camións e autobuses en Lugo

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

Control da Policía Local o pasado mes de abril
Control da Policía Local o pasado mes de abril ALBERTO LÓPEZ

No primeiro día xa se tramitaron denuncias por circular sen seguro, non ter a ITV ou non usar o cinto

14 oct 2020 . Actualizado a las 10:56 h.

En marcha unha campaña de control e vixilancia de camións e autobuses no centro urbano de Lugo. A Policía Local da cidade uniuse a esta iniciativa especial activada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que comezou o luns e que continuará ata este domingo, día 18.

Esta campaña prestará especial atención ao control de alcol e drogas, irregularidades nas cargas, documentación de condutor, cargador, transportista e vehículo, cinto de seguridade, exceso de velocidade...

Para a detección destas infraccións, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, establecerán  filtros de seguridade viaria, utilizando vehículos policiais rotulados e camuflados.

No primeiro día de campaña denunciáronse 8 camións por non presentar o vehículo á inspección técnica periódica no prazo debido, o que supón unha sanción de 200 euros; 4 denuncias a condutores por non utilizar o cinto de seguridade, o que implica unha sanción de 200 euros e a retirada de 3 puntos do permiso de condución, e 3 denuncias por circular sen que conste que o propietario do vehículo teña subscrito e manteña en vigor un contrato de seguro que cubra a responsabilidade civil derivada da súa circulación, o que supón unha sanción de 2.800 euros, inmobilizándose un camión por este concepto no polígono industrial do Ceao.