Ester Díaz, artesá: «Estas feiras son o noso medio de vida, así que son esenciais»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Ester Diaz, de Fonte Meimil
Ester Diaz, de Fonte Meimil Óscar Cela

Esta mindoniense traballa o coiro e expón os seus produtos, baixo a marca Fonte Meimil, na mostra Artesanfroilán

10 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A mostra de artesanía Artesanfroilán continúa aberta ata o luns na Praza Anxo Fernández Gómez, nesta ocasión, con postos abertos ao exterior e con todas as medidas de protección sanitaria necesarias para que sexa un evento seguro.

A mindoniense Ester Díaz, coa súa marca Fonte Meimil, é unha das artesás que participa nesta mostra do San Froilán, que está aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Nos postos da feira pódese atopar desde cerámica a xoias, tecidos, cestería, decoración, xoguetes... feitos por máis dunha vintena de artesáns da provincia, como é o caso de Ester Díaz, que traballa o coiro.

-Como se está desenvolvendo a feira?

-Está sendo unha feira tranquila, moito máis que outros anos, pero a xente que aprecia a artesanía responde e segue a vir.

-Que importancia teñen este tipo de citas para os artesáns?

-Estas feiras son o noso medio de vida, así que son esenciais. No meu caso, non puiden participar en ningunha feira desde Nadal. Hai que lembrar que se cumpren todas as medidas de seguridade sanitaria e que son uns eventos tranquilos e seguros.

Esta artesá mindoniense traballa o coiro
Esta artesá mindoniense traballa o coiro Óscar Cela

-Que pode atopar o público no seu posto?

-Eu traballo o coiro e fago todo manualmente, encárgome do deseño e da elaboración, e sempre confeccionando artigos funcionais. Teño todo tipo de produtos, desde bolsos ata carteiras, pasando por axendas, espellos, pulseiras, pendentes, chaveiros, estoxos... aínda que quizais o máis característico sexan os torques de coiro. Emprego distintos tipos de coiro e de estampados.

-Cando e como decidiu dar o salto á artesanía?

-Aprendín o oficio no 2002, cando estaba estudando a carreira en Santiago, e no 2007 decidín dar o salto. Estaba traballando na hostalería e dei o paso. Agora vivo da artesanía.

-Onde se poden adquirir os produtos de Fonte Meimil?

-Fundamentalmente, en feiras. O meu taller está en Mondoñedo, pero de momento aínda non habilitei a venda por Internet.

-Ten futuro o sector?

-O futuro vese un pouco negro, pero o traballo manual, artesanal, é único e sempre será apreciado.