Ánxel Fole cumpre hoxe vinte anos como espectador da cidade

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Estatua de Ánxel Fole, coa praza do Campo Castelo ao fondo
Estatua de Ánxel Fole, coa praza do Campo Castelo ao fondo CARLOS CASTRO

A escultura do escritor descubriuse o 4 de outubro do 2000, tras o pregón festivo

04 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un Fole clásico: o autor de «Terra brava» ou «Á lus do candil» xa ten gañado un espazo na historia da literatura galega. Hai un Fole aínda novo: tanta é a súa xuventude que hoxe cumpre 20 anos. O Fole escritor naceu en 1903 en Lugo, cidade na que morreu en 1986: máis de 80 anos servíronlle para converter Lugo en materia de moitos textos, para pasear polo centro e polos arredores e para acudir a tertulias que tamén son xa parte da cultura galega.

O Fole espectador ten una existencia da que hoxe se cumpren 20 anos e que comezou por iniciativa do Concello. O 4 de outubro do 2000 descubriuse a estatua que fixo Ramón Conde e que está situada no corazón da cidade, na praza de Fernández Gómez. Inaugurouse despois do pregón das festas de San Froilán, que o historiador Felipe Arias, daquela director do Museo de Viladonga, pronunciara dende o balcón da Casa do Concello, moi preto de alí.

O descubrimento da estatua foi o capítulo final dunha obra que se comezara a escribir oito meses antes. En febreiro anunciouse que o Concello encargara a estatua, e mesmo o alcalde, José López Orozco, e a concelleira Branca Rodríguez Pazos, presentaron unha reprodución de menor tamaño ca o orixinal. Entón explicouse que o custo sería duns 36.000 euros (daquela, seis millóns de pesetas) e que se prevía inaugurala o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas. O escritor xa fora elixido pola Real Academia Galega en 1997 como protagonista desa xornada.

O Fole que coa estatua quedeou chantado no corazón de Lugo non apareceu na primavera senón no outono: «O primeiro outono é unha ledicia prós ollos», escribiu nun artigo recollido nas súas obras completas, que publicou Galaxia. Textos coma os reunidos co título «Estampas do Lugo» vello amosan claramente a presenza de cidade na súa obra de Fole. Ese vencello abonda seguramente para dedicarlle unha estatua, aínda que o valor do escritor non se limita a un pequeno territorio: escribía Miguel Anxo Murado neste xornal, o 16 de febreiro deste ano, que a obra a de Fole quizais sexa a que estivo máis preto da maneira de imaxinar do paisano galego.

A Fole xa lle chegaran antes outros recoñecementos, pois un instituto e unha rúa da cidade levan o seu nome. Pero o autor que escribiu sobre outros autores —velaí as páxinas que lle dedicou a Luis Pimentel, por exemplo— tamén recibiu homenaxes de poetas: Claudio Rodríguez Fer dedicoulle o libro «Lugo Blues», publicado despois da morte de Fole, e dixo del que soubera, coma Pimentel, retratar «a peculiar atmosfera» de Lugo.