Falece Esperanza López Silvosa, histórica avogada laboralista

Suso Varela Pérez
s.v. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Esperanza López Silvosa no seu despacho na Rúa Conde Pallares, no 2008
Esperanza López Silvosa no seu despacho na Rúa Conde Pallares, no 2008 OSCAR CELA

Foi a primeira muller en Lugo que se dedicou ao Dereito Laboral e coñecida como a avogada dos pobres

01 oct 2020 . Actualizado a las 15:41 h.

Esperanza López Silvosa faleceu este 1 de outono aos 82 anos de idade. Empezou a exercer como letrada no ano 1978, co número de colexiada 456, coincidindo cos convulsos anos da transición. Foi a primeira muller que se dedicou en Lugo á especialidade do Dereito Laboral. Os seus amigos e compañeiros sinalaron o seu comprimiso na defensa dos traballadores, durante máis dd 30 años de exercicio profesional.

Esperanza López Silvosa naceu e criouse en Lugo, no barrio de Montirón. Cando aínda era unha adolescente tivo que poñerse a traballar para contribuír ao sustento familiar. Un dos seus empregos xuvenís atopouno nunha fábrica de cepillos, situada na vella estrada de Madrid, que acababa de crearse, onde tomou conciencia da realidade laboral.

Colaborou con Antonio Gandoy, sacerdote moi implicado cos máis desfavorecidos e coñecido en Lugo coma o Cura da bicicleta, que foi quen, como conciliarío de Juventud Obrera Católica, introduciu a Esperanza López Silvosa nos grupos cristiáns do movemento obreiro, que marcarían a súa traxectoria profesional e persoal. El tamén animou a Esperanza a que desenvolvese a súa vocación tardía, o Dereito. Matriculouse na UNED e rematou a carreira en cinco años, sen deixar de traballar.

Esperanza López Silvosa recibe un premio de mans de Carmen Basadre
Esperanza López Silvosa recibe un premio de mans de Carmen Basadre No disponible

Esta pioneira, que recibiu o pasado novembro unha cariñosa homenaxe dos seus compañeiros pola defensa de centos de traballadores lucenses, nunha etapa bastante conflictiva. Recordaban que entre os casos máis mediáticos nos que estivo implicada figuran o despedimento dos 23 membros do comité de empresa de Alúmina, durante a crise do Casón, que levou xunto ao prestixioso avogado Enrique Da Vila; ou o do entrenador do Breogán Tim Shea, ambos no ano 1988.

Tamén destacou polo seu activismo na defensa dos dereitos da muller, en todos os ámbito. Nun mesmo ano chegou a levar seis casos de agresións sexuais, sempre na defensa das vítimas. Esta entrega lle supuxo o recoñecemento de outras prestixiosas avogadas laboralistas e feministas, como e o caso de Cristina Almeida, que se desprazou a Lugo para apoiala no xuízo do coñecido como “O violador do estilete”, celebrado en outubro de 1987, no que a lucense actuou como acusación.

Fiel aos seus principios de defensa das mulleres e dos colectivos máis desfavorecidos, López Silvosa, durante a súa etapa como membro do Consello Galego da Avogacía, defendeu nunha comparecencia no Parlamento Galego a abolición da prostitución.

Desde o seu despacho da Rúa Conde Pallares non só defendeu a traballadores, senón tamén a persoas se ningún tipo de recursos económicos, polo que foi coñecida como a avogada dos pobres, definición que sempre rexeitou porque sostiña que a xente sen recursos podía ser moito máis rica como persoa, que quen posuía bens materiais.

Os que traballaron preto dela defínena coma unha muller loitadora, implicada coa causa e moi xenerosa, para quen a falta de diñeiro dos seus defendidos nunca foi un impedimento para reclamar os seus dereitos.

A capela ardente de Esperanza López Silvosa está na Residencia de los Ancianos desamparados de San Roque. A súa familia e amigos rogan unha oración pola súa alma e a asistencia a unha misa funeral que será este venres, ás dez da mañá, na capela da Residencia (aforo limitado). O seu corpo seguidamente será levado ao cemiterio parroquial de San Pedro Félix de Muxa, San Fiz.