Manuel Becerra, un lucense en Madrid que estivo preocupado polos asuntos de Lugo

Xestionou a creación dunha Escola Preparatoria Militar e a de Artes e Oficios

A rúa do Progreso levou hai anos o nome de Manuel Becerra
A rúa do Progreso levou hai anos o nome de Manuel Becerra

Manuel Becerra foi, sobre todo, home político. Pero o seu actuar na re pública non debe eclipsar outros ideais que defendeu e que, pasado o tempo, deben recordarse para mellor comprender o seu actuar. Becerra foi ministro cinco veces, sempre por períodos breves. A primeira, como responsable de Ultramar, en 1869, tras o pronunciamento de Prim, no Goberno Provisional, sendo rexente do reino o liberal Francisco Serrano. A segunda, de Fomento entre 1872 e 1873, no dous últimos meses do reinado de Amadeo I, co demócrata Zorrilla como presidente. A terceira seguiu en Fomento, en 1873, nos vinte primeiros días da I República sendo presidente o republicano federal Estanislao Figueras. A cuarta volveu a Ultramar durante oito meses de 1888, sendo presidente o liberal progresista Sagasta, na Rexencia de Mª Cristina de Habsburgo. E a quinta, outra vez en Ultramar, tamén con Sagasta, durante oito meses de 1894.

No último terzo do século XIX a carteira de Ultramar era a máis conflitiva polo deterioro das relacións con Cuba e Porto Rico, que clamaban pola autonomía respecto da Península e mesmo polo separatismo. O asunto complicárase coa petición catalá de cortes, facenda, exército e poder propios.

En 1893 Antonio Maura, responsable de Ultramar, nun gabinete presidido por Sagasta, entendeu o problema, e presentou un proxecto nas Cortes para traspasar as competencias de obras públicas, comunicacións, fomento, instrución e sanidade, pero non foi aprobado. Tanto a esquerda como a dereita provocaron a dimisión de Maura. Nestas circunstancias, marzo de 1894, Becerra volve ocuparse da carteira de Ultramar e atopouse cun dilema: el consideraba que a autonomía era necesaria para unir as colonias coa metrópole, pero debía ter en conta a idea latente de que o autonomismo ía en contra da unidade da patria.

Becerra presidiu a presentación do Centro Galego de Madrid (na imaxe, o actual edificio) en 1893
Becerra presidiu a presentación do Centro Galego de Madrid (na imaxe, o actual edificio) en 1893

Optou por facer unha política unitaria, conservadora e pragmática intentando as seguintes medidas: suprimir o impopular imposto de consumos e substituílo por desamortizar bens eclesiásticos, modificar a lei electoral de Cuba e Porto Rico para darlles maior representación e pasar a mans laicas o ensino aumentando o número de escolas e o soldo dos docentes.

Estas medidas chocaban coa realidade de poñerse en práctica nas colonias cando aínda non o estaban no resto de España. E iso provocaba tensións con outros membros do Goberno, pero Sagasta non podía prescindir do apoio dos deputados de Becerra sen provocar unha crise. Cesou o 4 de novembro de 1894 nun procedemento falto de ética. O capitán xeneral de Cuba comunícalle un falso desembarco de rebeldes. Becerra solicita un voto de confianza do Consello de Ministros, pero non se lle concede por iniciativa doutro ministro, Moret.

Encolerizado, pon o seu cargo a disposición de Sagasta. Celebrado o Consello, Becerra recibe a noticia de que o citado desembarco non se producira. Á vista dos sucesos, a opinión pública foi consciente da conspiración de Sagasta, Moret e Calleja para provocar unha crise e dar entrada no goberno ao gamacistas.

En 1886 ingresou na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais substituíndo a quen fora o seu amigo, profesor e protector don José de Subercase, a quen definiu como mestre, gran matemático e fiel amigo. Del recibiu ánimos para gañarse a vida como profesor de matemáticas nunha academia que montou na súa casa despois de ter que abandonar a escola de Enxeñería tras os acontecementos de 1848. Nos tempos de Becerra, a educación física estaba relegada aos ximnasios privados, que daquela se abrían nas cidades europeas, Madrid entre elas, e dos que era cliente o propio Becerra como magnífico lanzador de esgrima e gran ximnasta.

Ximnástica

En 1871, pola súa iniciativa, o ministro de Fomento Montejo presentou no Senado un proxecto de Lei sobre a Ximnástica Hixiénica. En 1873, sendo ministro de Fomento Eduardo Chao, sucesor de Becerra, reorganízanse os estudos de segunda ensinanza nos que estaban presentes os exercicios ximnásticos. En xullo de 1879 Becerra presenta un proxecto de Lei para que se declarase obrigatoria a ximnasia nos institutos de segunda ensinanza e nas escolas normais. Como non prosperase daquela, en 1881 volveu defender a proposición de Lei sobre a inclusión da disciplina Elementos de Gimnasia Militar na escola, asunto que se aprobou tras pronunciar un brillante discurso.

En 1882 presidiu unha comisión que elevou o proxecto de Lei polo que se creaba a Escuela Central de Gimnástica, o que lle valeu o honorífico título de Padre de la Gimnástica Española.

Defensor da igualdade

Manuel Becerra consideraba inexcusable que a instrución primaria fose obrigatoria para os dous sexos. Argumentaba que pouco se podía esperar dunha sociedade na que mulleres fosen iletradas, porque eran elas as responsables da primeira educación dos seus fillos. Afirmaba que os demócratas defendían a liberdade de ensinar e a obriga de aprender.

Como redactor da Constitución de 1869, defendía o sufraxio universal para todos os homes, daquela que só votaban os grandes contribuíntes. Defendendo a idea, en resposta a Canovas del Castillo, manifestou que o sufraxio universal é a base de todo poder e rexeita o feito de que non saber ler e escribir fose causa de anular o dereito a votar. Pola contra, argumentaba, debíase procurar que toda a cidadanía recibise ilustración porque o saber ler e escribir era o dereito máis propio e patriótico. E finalizaba: «...al pueblo se le ha dejado en la ignorancia y después se le condena por esa misma ignorancia. ¿Se puede creer que en esto haya moralidad?»,

 Masón

Debeu entrar na masonería pouco despois de instalarse en Madrid. Un mozo de provincias precisaba contactos para abrir portas. Sábese que tras a morte de Romero Ortiz, en 1884, debía elixirse un novo gran comendador do Gran Oriente de España. Ademais do propio Becerra eran candidatos Zorrilla, Sagasta, Balaguer, Téllez Vicen, Llano e Persei e Castelar. O 30 de maio a Sapientísima Loxia Simbólica procedeu ao escrutinio de votos e resultou gañador o chairego. O 6 de xuño, en asemblea das loxias do Gran Oriente de España, foi designado Soberano Gran Comendador da Orde, Gran Presidente do Supremo, Gran Consello do Grado 33 e do Gran Oriente.

Pero ademais sempre se destacou por lembrar a súa terra e promoveu a celebración do San Froilán en Madrid. Por un procedemento que hoxe sería definido como cacicada, xestionou que o campo de tiro de San Cibrao fose emprazado en Lugo. Tamén se lle debe que nesta cidade se instalasen, en forte competencia con poboacións galegas, unha Escola Preparatoria Militar e a Escola de Artes e Oficios nos solares que ocupou logo o antigo cuartel das Mercedes.

O Concello de Lugo obsequiouno cun retrato ao óleo que custou cincocentas pesetas e que se presentou na inauguración da Escola de Artes. A Deputación Provincial, recoñecendo o seu labor nos gobernos en Madrid, concedeulle o título de fillo preclaro e predilecto de Lugo en 1888.

Manuel Becerra, o lucense que foi ministro e inspirou xogos dos nenos

XOSÉ A. POMBO, MANUEL VILA
Manuel Becerra (1820-1896) foi ministro varias veces na segunda metade do século XIX
Manuel Becerra (1820-1896) foi ministro varias veces na segunda metade do século XIX

Ocupou importantes cargos nos diferentes sistemas políticos da España do seu tempo

O 20 de outubro 1820, na Ponte de Outeiro, vindo de feirear das San Lucas, María Bermúdez buscou acubillo na casa paterna para dar a luz un neno que sería un dos políticos máis activos da segunda metade do século XIX, Manuel Becerra Bermúdez. Educado en Lugo baixo a tutela da súa tía paterna, Manuela, en 1840 tía e sobriño establécense en Madrid. El, estudante de Enxeñería, destaca en matemáticas, astronomía e deportes. Axiña se une a compañeiros e masóns e participa nos alborotos de 1848, contra Isabel II, para cesar o conservador Narváez e levar os liberais ao poder.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Manuel Becerra, un lucense en Madrid que estivo preocupado polos asuntos de Lugo