Manuel Becerra, o lucense que foi ministro e inspirou xogos dos nenos

Ocupou importantes cargos nos diferentes sistemas políticos da España do seu tempo

Manuel Becerra (1820-1896) foi ministro varias veces na segunda metade do século XIX
Manuel Becerra (1820-1896) foi ministro varias veces na segunda metade do século XIX

O 20 de outubro 1820, na Ponte de Outeiro, vindo de feirear das San Lucas, María Bermúdez buscou acubillo na casa paterna para dar a luz un neno que sería un dos políticos máis activos da segunda metade do século XIX, Manuel Becerra Bermúdez. Educado en Lugo baixo a tutela da súa tía paterna, Manuela, en 1840 tía e sobriño establécense en Madrid. El, estudante de Enxeñería, destaca en matemáticas, astronomía e deportes. Axiña se une a compañeiros e masóns e participa nos alborotos de 1848, contra Isabel II, para cesar o conservador Narváez e levar os liberais ao poder.

Ben axiña abandona os liberais e intégrase no Partido Demócrata defendendo o sufraxio universal, a liberdade de imprenta, a liberdade de traballo xunto coa gratuidade, universalidade e obriga do ensino primario. Becerra revoluciona as rúas, onde se fai moi popular, e disque os nenos xogaban a ser Becerra. En 1854 participa nos movementos que deron lugar ao Bienio Progresista, cando o xeneral O'Donnell, liberal entre os moderados, á fronte do cuartel de Vicálvaro, forzou o exilio de María Cristina, nai da raíña, metida en intrigas e corruptelas.

En 1856, nunha crise de subsistencias, Isabel II nomea xefe do Goberno a O'Donnell. Becerra con Sagasta, Madoz e outros ergue barricadas. O chairego desprega o seu denominado Quinto Lixeiro, civís armados, na praza de Santo Domingo e disparan

contra os soldados. Como Becerra e os seus quedasen sós e sen municións, cargaron á baioneta. Puxeron tal ímpeto que os soldados retrocederon ata o pazo real. Chegados alí, antes de dispersarse, Becerra raiou un semicírculo e exclamou «¡Hasta aquí llegó Becerra!», frase moi celebrada durante anos.

Exiliado, indultado e volto a exiliarse, instálase en Bilbao, casa coa viúva María Ortiz de Dusana e renuncia ás conspiracións políticas. Pero en 1866, noutra crise de subsistencias, o xeneral Prim, progresista, pídelle colaboración para un golpe militar. En xuño pronunciáronse os sarxentos dos cuarteis de San Gil e da Montaña. Becerra e catrocentos civís debían cercar o cuartel do Soldado, pero retiráronse sabendo que ían a unha morte segura. A conspiración fracasou e Becerra escapou a Bruxelas.

Sexenio Revolucionario

En setembro de 1868, Juan Prim e o almirante Topete pronúncianse apoiados de progresistas, demócratas e republicanos unionistas. Ao triunfar, fíxose cargo do goberno o xeneral Francisco Serrano, republicano unionista, con Prim na carteira da Guerra.

Isabel II exiliouse en Francia. Becerra regresou a Madrid en outubro, cando xa se resolveran os cargos no goberno. Meses despois foi elixido concelleiro en Madrid e ocupou a primeira tenencia de Alcaldía co demócrata Nicolás Rivero como alcalde.

Deixará o posto en xullo de 1869 ao ser designado ministro de Ultramar por Prim, cargo do que foi relevado oito meses despois. Neses días foi un dos principais redactores da Constitución de 1869, apoiando a monarquía como forma de goberno.

Correspondencia

Foron tempos nos que se carteou con Vázquez de Parga. O conservador avísao da lacra que eran as peticións de amigos, coñecidos e xentes de ideoloxía cambiante par obter prebendas na Administración. Becerra responde por el e manifesta que non se influirá por cuestións alleas ao recto proceder no goberno.

A intención viraríase anos despois, cando o vemos caer nos vicios de control dos votos nos distritos de Becerreá e da Fonsagrada. Becerra e Vázquez de Parga pediranse favores mutuos sobre resolución de expedientes.

Amadeo I e Primeira República

No reinado de Amadeo I (xaneiro de 1871-febreiro de 1873) sucedéronse sete gobernos, repetíndose ministros e presidentes do Gabinete. Becerra e os seus, unidos ao masón Ruíz Zorrilla formando o Partido Radical, obtiveron 45 deputados nas eleccións de 1872. Serían coñecidos como O Batallón Sagrado. Con este poder, Becerra foi ministro de Fomento oito meses entre 1872 e 1873, no último Goberno de Amadeo I. Pero o entendemento con Zorrilla era forzado: os radicais defendían a monarquía, e O Batallón Sagrado, a república unionista.

Proclamada a I República Española o 11 de febreiro de 1873, durante once días Manuel Becerra exerceu de ministro de Fomento sendo presidente o federal Estanislao Figueras. Pero as ansias de poder continuaban. Froito de alianzas, o demócrata-monárquico Cristino Martos, aliado de Serrano, tentou un golpe de estado, pero foi Becerra quen recibiu as culpas e debeu exiliarse en París axudado por Castelar e Salmerón.

Ao regresar e ver a desorde, axuda na publicación dun manifesto anticantonal e preconiza unha lei de orde pública cun exército limitado, forte e lonxe da política. Nos once meses que durou a República vivíronse tres guerras civís, faltaron acordos entre unionistas e federalistas e sucedéronse cinco presidentes de Goberno. E os cidadáns cansaron. Rematou cos sucesos da noite do 2 ao 3 de xaneiro de 1874, cando o xeneral Pavía, unionista, rodeou o Congreso con soldados para forzar que se dese confianza ao tamén unionista Castelar.

Como se opuxeran os federalistas, debía procederse á elección doutro xefe do Goberno. Era xa de madrugada e o presidente do Congreso anunciou que o exército rodeaba o edificio. Os deputados buliron a escapar con síntomas de histerismo. Pavía, observando o feito dende o exterior, preguntaba: «Pero, señores, ¿por qué saltar por las ventanas cuando pueden salir por la puerta?».

A partir de 1873 Becerra apártase de Sagasta e xúntase a López Domínguez, Linares Rivas e outros para crear a Esquerda Liberal, presidida por Francisco Serrano e, enarborando a Constitución de 1869.

A Restauración

O 29 de decembro de 1874, o xeneral Martínez Campos pronunciouse en Sagunto a favor da monarquía na persoa de Alfonso XII. O goberno de Sagasta non se opuxo, porque xa Cánovas del Castillo realizara o labor previo. En 1880, por desacordos cos dirixentes da Esquerda Liberal, Becerra únese a Práxedes Mateo Sagasta, e crean o Partido Fusionista, de carácter liberal.

O 11 de febreiro de 1888 será chamado para volver ocuparse do ministerio de Ultramar, a carteira máis delicada, da que falaremos outro día.

A morte de Manuel Becerra

O 19 de decembro de 1896 morreu Becerra. Quedara viúvo catorce anos antes e había quince que falecera a súa tía Manuela. De frac e sen condecoracións, recibiu sepultura no cemiterio da Sacramental de San Lorenzo e San José. A comitiva fúnebre acompañouse dalgúns representantes, amigos e moita xente anónima. En 1906 a Corporación madrileña deu o seu nome a unha praza, ata daquela chamada da Alegría. En Lugo a noticia causou gran pesar e oficiouse un funeral o 2 de xaneiro. O Concello puxo o seu nome á rúa que despois se chamou de José Antonio e do Progreso.

A finais dos anos noventa dedicóuselle unha ruela para viandantes transversal á avenida da Coruña. Tamén o seu natal concello de Castro de Rei en 1996 deu o seu nome a unha rúa e en 2015 patrocinou un libriño coa súa biografía xunto coa de Crecente Vega. Manuel Becerra tivo o seu mellor estudoso no periodista lugués Luís Rodríguez, quen, na década de 1990, glosou a súa personalidade en artigos xornalísticos e nun libro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Manuel Becerra, o lucense que foi ministro e inspirou xogos dos nenos