Vida aprazada

MARÍA L. SÁNDEZ

LUGO CIUDAD

02 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos mergullados nunha curiosa dicotomía entre as actividades que se suspenden ou se aprazan e as que, dun xeito ou outro, aspiramos a manter por. O 1 de setembro estaba previsto que arrincase o curso cultural en Lugo coa proxección do documental A vivenda, un ben social? Máis houbo que adialo. Algo semellante ocorreu co Caudal Fest e tamén se notificou a suspensión do concurso de tapas no que a hostelería tiña depositadas moitas esperanzas. Mentres, planifícase o San Froilán, confiando, quizais, en que outubro aínda queda un pouquiño máis lonxe e os organizadores procuran o xeito de esparexer os actos pola cidade nun intento de facer viable o distanciamento. E andamos a voltas coa organización dun curso académico que se confía en que poida ser presencial.

Esta última semana, por motivos familiares, tiven que estar no HULA. Nunca o vira tan baleiro e tan triste. Tamén as outras doenzas están na nosa lista de agarda. E o xigante de longos corredores semella unha sorte de dragón durmido, agardando o amencer para abrir a boca nun inmenso e arrepiante bocexo. Un hospital é un dos escenarios máis vívidos e intensos nos que se representa o drama da vida. Co seu buligar, coas súas rutinas, cos seus sons e os seus cheiros, o HULA, estes días, semellaba un neno asustado e silandeiro no seu primeiro día na escola. Comeza setembro. Sabemos, desde hai tempo, que será un curso difícil. Unha auténtica proba. Non houbo milagre no verán e agora agárdase o milagre da vacina. E a rutina das pequenas decisións e a loita continúan nesta nova vida que ten a textura das máscaras e sabe a soidade e a xel hidroalcohólico.