
O grupo lucense, dedicado a recoller e divulgar a música popular das orquestriñas da provincia de principios do século XX, presenta un adianto do seu disco «Con Grelos» cun divertido videoclip de «Polichinela», versión do tema que fixo popular a artista manchega e que eles recolleron do gaiteiro Ramiro Villamor
27 ago 2020 . Actualizado a las 12:39 h.Con sátira, cariño, e un longo traballo de investigación nas raíces da música popular da provincia de Lugo, presentan Airiños da Freba o divertido videoclip de Polichinela. O tema que popularizou Sara Montiel en 1958 na película La Violetera chega así a este 2020 cunha letra dedicada aos «veraneantes» que «en xullo e agosto chegan elegantes ás nosas aldeas». Gaita, acordeón, bombo, clarinete, saxo, caixa e voz en galego dan vida a un tema que o grupo lucense recolleu de Ramiro Villamor, O Gaitero de Santo Xusto (Palas de Rei), que a principios do século XX incluíra no seu repertorio unha adaptación para gaita deste Polichinela para amenizar as festas.
Os lucenses Airiños da Freba lanzaron este videoclip a través de YouTube e das redes sociais, como adianto do que será o seu segundo disco, Con Grelos, unha continuación do seu primeiro traballo discográfico, O' de lacón (2017), e unha forma de «completar o menú», bromea Daniel Carballo, Maka, encargado da caixa e da voz en Airiños da Freba, e autor da letra deste Polichinela. O tema recrea con gran sentido do humor o fenómeno dos veraneantes do rural: «Foi concibido antes da pandemia, pero cadroulle ben, porque este ano as segundas xeracións están vindo en masa», explica con humor Maka.
Unha viaxe pola historia
Airiños da Freba comezou a súa andaina no ano 2012 como cuarteto. Na actualidade, é un sexteto que viaxa pola música tradicional da provincia, concretamente, polas músicas dos cuartetos, diversos conxuntos e orquestriñas que amenizaban as festas na primeira metade do século pasado. «É música tradicional, pero para xente de hoxe en día, non é unha recreación», continúa o vocalista. Para iso, levan a cabo un longo proceso de investigación e recolleita: «É un proceso longuísimo, é toda unha vida... coñeces a un gaiteiro, quedas con el unha e outra vez, vai collendo confianza, empeza a recordar melodías... e logo hai que escoller de todo ese material... É un traballo de anos».
O ámbito de traballo limitárono á provincia de Lugo porque «aquí hai bastante para nós e para aburrir», e porque a música lucense é unha gran descoñecida: «Hai moitas pezas, pero a historia destes grupos de principios do século XX é unha gran descoñecida; durante moitos anos non se valoraba ese folclore, cando é moi complexo e rico, temos un patrimonio etnomusical riquísimo», sinala Maka. Os pequenos grupos daqueles anos ían creando o seu repertorio coas cancións que máis lles gustaban: «Non tiñan forma de gravalo, así que se quedaban coas melodías de oído, ían tarareándoas e facían unha ‘reelaboración comunal', en palabras do etnomusicólogo Bruno Nettl. Así aconteceu, por exemplo, co Pasodobre da Fonsagrada e o Batallón de modistillas. Porque o folclore é algo vivo, moito máis rico e complexo do que algúns pensan».
A presentación en vivo tanto de Polichinela como do segundo disco ao completo, a piques de saír ao mercado, terá que esperar, pois todos os concertos que tiñan programados para este ano caeron: «As propostas que se están facendo para os concertos son co público sentado, e nós somos un grupo para bailar, de nós parece que non se acordan... Á xente gústalle moito o tipo de música que facemos e hai cada vez máis demanda destas bandas».
Airiños da Freba son de Lugo, Baralla e Sarria: Xosé Manuel Díaz, Barbeiro, acordeón; Rebeca Tallón, bombo; Pablo Pintor, clarinete; Luis Quintana, saxo soprano; Víctor Villamor, gaita; e Daniel Carballo, Maka, caixa e voz.
«Polichinela»
1908. O tema «Polichinela», composto por Joaquín (Quinito) Valverde, estreouse en París en 1908
1958. Sara Montiel popularizou a canción na película «La Violetera». Son moitos os gaiteiros que o incluíron no seu repertorio, ao ser un tema de moda
Maka: «As recollidas que facemos son patrimonio da humanidade»
Os concertos e discos son a punta do iceberg do traballo de Airiños da Freba, centrado nun minucioso traballo de recolleita da música popular lucense de principios do século XX. E ese material é un verdadeiro tesouro: «As recollidas que facemos son patrimonio da humanidade», explica Maka, vocalista dun grupo que fai un grande esforzo por publicar todas as súas achegas. Deste xeito, colaboran coa Folkoteca Galega, aportando partituras, por exemplo. Tamén coa editorial Canela, especializada en etnografía. Con esta casa publicaron hai tres anos un libro-cedé sobre o gaiteiro da Pontenova Siderio de Vilarmide. Agora van publicar outro sobre o gaiteiro da Fonsagrada Manuel do Juano. Tamén colaboran coa escola OXeito e organizan a Verbena Galega de Antes, no San Forilán.