«O que queda de verán» aínda dá para moito

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Peter Punk
Peter Punk BASILIO BELLO

Comeza o mércores 19 á tarde en Lugo un novo ciclo cultural con actuacións de balde para toda a familia

19 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa cultural «O que queda de verán» volve a Lugo para ofrecer espectáculos de balde para toda a familia. Este ciclo de ocio, organizado pola concellería de Cultura do Concello de Lugo, terá lugar os mércores ata o 9 de setembro, na Canella do Hospital.

Para asistir ás actividades será preciso contar cunha entrada, que se poderá retirar gratis no portal entradaslugo.es. Cada persoa poderá coller un máximo de dúas, que estarán a disposición das familias desde unha semana antes do espectáculo.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, explicou que decidiron retomar esta programación debido ao éxito que tivo o ano pasado, pero «adaptándoo ás novas condicións derivadas da crise sanitaria». Por este motivo, non se realizarán obradoiros, dado que sería moi complicado garantir as distancias de seguridade. Porén, aumentáronse os espectáculos con dous pases por día, e serán na Canella do Hospital, garantindo que se respecte a distancia de seguridade.

Mércores 19. Peter Punk Pallaso, «Punkdemia». 17.30 e 19.00h.

Sinopse:

Peter Punk está de volta para converterse no Doutor Punkdemia. Un espectáculo viral no que, a través de catro fases, mostrará a súa particular visión da pandemia. Neste espectáculo verase como se viste un pallaso para protexerse da pandemia, malabares con coronavirus e mostrará unha técnica novidosa para botar o virus do corpo empregando globos de xeito sorprendente. Contará coa axuda de Tranquilo, un vello amigo de Peter Punk sempre disposto a colaborar. E para finalizar, descubrirá unha Vacina da Risa e subirá na Corentrona, unha cadeira de rodas na que Peter Punk mostrará as súas habilidades e baixará a rampla da desescalada para bater co muro dos recortes. Conseguirá derribalo?

Tropa de Trapo
Tropa de Trapo

Mércores 26 de agosto. Tropa de Trapo, «Contos de Nenas Grandes e Pequenas». 17.30 e 19.00h.

Sinopse:

Xa hai moitas historias de homes! De cabaleiros, príncipes e guerreiros... E Tropa de Trapo quixo contar historias de mulleres. Princesas non, pero si guerreiras!... ou non... ou de todo un pouco. Porque hai moitas mulleres. Todas moi diferentes, pero todas cunha voz: a súa. Propoñen catro contos de nenas (das grandes e das pequenas) con voz propia. Nenas que comparten, que vencen aos seus medos ou aos medos da xente, capaces de grandes aventuras como ir a polo lume ou subir ao monte máis alto a falar cun monstro. Nenas que tamén lle teñen medo á tormenta. Ou que xogan á pelota. Pero, iso si: nenas... que xa toca!

Mércores 2 de setembro. Sempre Arriba, «C´est Pas posible». 12.30 e 18.30h.

Sinopse:

Usando o clown coma linguaxe, e en comunicación directa co público, neste espectáculo ponse de manifesto a dualidade que moitos viven por dentro, aprenden a ser eficaces, a cumprir prazos e expectativas, e esquecen ser e desfrutar. Un fío dramatúrxico sinxelo para transmitir unha historia universal.

Pajarito actuando en Compostela
Pajarito actuando en Compostela LUCÍA JUNQUERA

Mércores 9 de setembro. Pajarito, «A Vida tola de Pajarito». 12.30 e 18.30h.

Sinopse:

O peculiar universo desta muller-nena que anda solta polas rúas, fai de cada praza un novo xogo cada día. Xunto con todo o que a rodea, sucédense momentos de risas inesquecibles a través da súa interacción co público que goza das tolerías que lles ofrece esta gran pallasa: «Pajarito é xa unha artista patrimonio da humanidade e a Oitava Marabilla do Mundo!».