A voz de todos

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO CIUDAD

14 ago 2020 . Actualizado a las 09:02 h.

Nos últimos días o goberno municipal abriu un debate sobre o destino da antiga fábrica da luz, agochada nas beiras do Miño. Xa dixen algunha vez que a nosa cidade era como un palimpsesto, en continua transformación, construída sobre as ruínas do seu propio pasado. Vivimos nun delicado equilibrio entre a conservación e o progreso que determina a nosa identidade e vai conformando (con maior ou menor acerto) a nosa historia, e nesta conxuntura entre o vello e o novo, na que case todas as urbes destruíron boa parte do seu legado, Lugo tivo a sorte de manter en pé a muralla.

A maioría das cidades foron levantadas ao abrigo dos ríos ou na beiramar; mais é moi frecuente, nunha inexplicable inconsecuencia, que lles dean as costas, renunciando ao seu aproveitamento ou dificultando o seu acceso a través dunha barreira de asfalto. Na xestión urbana recente, recuperar e pór en valor os espazos naturais é prioritario. En Lugo fortalecéronse os lazos afectivos co Miño, que ocupa un lugar central no noso imaxinario, e hoxe os paseos das súas beiras constitúen áreas de gran vitalidade.

A iniciativa de abrir un proceso de participación pública para implicar á cidadanía nas accións que se levarán a cabo en relación coa fábrica da luz ten un interese innegable e un fondo calado político. Sería un erro seguirmos limitando a participación cidadá a unha votación cada catro anos, por máis que esta sexa un aspecto central das nosas democracias. Que se nos implique nunha cuestión tan próxima como a xestión da contorna pola que transitamos a diario é unha decisión dunha lóxica esmagadora. Os cidadáns de hoxe estamos a construír o Lugo do mañá, e a protección e posta en valor das marxes do Miño afecta ao corazón verde da cidade. Se de verdade lles importa a nosa opinión, ben merece a pena que respondamos.