O xefe da Policía Local de Lugo: «Estamos preparados para o posible incremento das festas nos domicilios»

O inspector Piñeiro avisa de que serán firmes cos rúidos xerados nos domicilios particulares e tamén cos botellóns

Jesús Piñeiro, jefe de la Policía Local de Lugo
Jesús Piñeiro, jefe de la Policía Local de Lugo

lugo / la voa

Cada día nas oficinas da Policía Local de Lugo reciben a través do 092 entre 25 e 30 chamadas de urxencia e unha morea de consultas que van dende información sobre o uso das máscaras faciais ata peticións de axuda por chaves perdidas. «Mesmo nos chama xente de fóra que di que aparcou o coche a carón dun muro que rodea a cidade e que agora non o atopa», desvela sorrindo Jesús Piñeiro, o home que tomou o mando dos axentes locais hai pouco máis dun ano e ao que se lle enche o peito de orgullo cada vez que fala do traballo dos seus compañeiros. «É que son excelentes e teñen unha ilusión tremenda», explica.

-Este está sendo un ano diferente para todos, tamén para vostedes, que se converteron dalgún xeito en custodios do cumprimento do uso da máscara.

-Si, o luns, por exemplo, levantamos dez actas por non levala posta, e o máis curioso é que deses dez, oito nin ten sequera a tiñan consigo. Ben é certo que agora case toda a poboación a leva.

-Hai algún perfil do infractor da máscara?

-É variado, aínda que case sempre é xente de mediana idade. Hai quen di que lle dá calor ou lle saen graos, e outra xente que non quere saber a nova norma, que di que deixa 1,5 metros de distancia cando iso xa non está vixente. Atopámonos con escusas e a nosa primeira labor é informar de que hai que poñela en todo momento, só con certas excepcións.

-Tócalles facer traballo didáctico.

-Claro, temos que estar falando con mozos, persoas de mediana idade e cos avós, aínda que xeralmente as persoas de mediana idade son as máis reticentes. Os avós están totalmente concienciados de que teñen que levar a máscara porque seguramente na casa lles insisten. E sorpréndenos que moitos pequenos que non teñen que levala obrigatoriamente a usan, e moitos incluso nos din que agora lle poden sacar a lingua a todo o mundo (risas).

-Nos últimos meses, primeiro co estado de alarma e agora coa alerta sanitaria, supoño que escoitarían todo tipo de escusas.

-Si, durante o estado de alarma detectamos xente que ía co xornal de había un mes baixo o brazo, alegando que acababa de mercalo no quiosco.

-A crise do coronavirus mudou moito as emerxencias que lles entran?

-Faise moitísima axuda humanitaria, traballo a domicilio de xente maior que se cae, por exemplo, ou un maior que chama porque a súa parella caeu na casa e non o dá levantado. Son servizos gratificante, que te fan sentir ben porque estás axudando. Tentan abrazarte e incluso hai quen tenta darche cartos, pensando que é un traballo e que eles deben pagar. Despois, tamén se están rexistrando casos de persoas tiradas na rúa por embriaguez ou por lesións.

-Están preocupados polos botellóns e as reunións descontroladas da xente máis nova?

-Si, de feito, nas instrucións que estamos dando imos tratar de impedilos. Tivemos xa algunha chamada a fin de semana pasada de reunións xunto ao anfiteatro da Universidade. Cando chega a patrulla dispérsanse, algúns comezan a correr. Imos tentar impedir xa que se xunten, e se se xuntan, prohibilo totalmente. E isto só se pode atallar denunciando. En moitos casos son menores, teñen que estar os pais moi vixiantes, xa se viu o que sucedeu coas probas da selectividade. Nós tampouco podemos chegar a todo o mundo, non somos o Gran Hermano para ter unha patrulla en cada sitio. Cando chegamos onda eles dámoslles a información da lei e das máscaras, pero ás veces non nos fan caso, volvemos polo mesmo sitio un pouco despois e seguen igual, así que hai que denunciar, non queda outra.

 -Hai puntos quentes de botellón na cidade?

-O parque Rosalía de Castro, o anfiteatro, onde Santo Domingo, e mesmo detectamos tamén na praza de detrás do Círculo das Artes e no porche do Colexio de Arquitectura.

-Incrementouse o número de participantes nos botellóns?

-Non, se hai un feito concreto como puido ser a Ebau si, pero non máis. Ben é certo que xa Estamos preparados para o posible incremento das festas nos domicilios, vista a prohibición e que imos incautar. Demos xa instrucións ao grupo nocturno para que estean preparados para todas as chamadas que poida haber sobre festas, botellóns e demais dentro das casas.

«Tentamos controlar todos os locais da cidade sobre todo aqueles conflitivos»

Máis de 30 inspeccións a locais de hostalería, 14 actas de infracción por incumprimentos horarios, sete por música, oito por terrazas, e así outro bo puñado. A Policía Local de Lugo tomouse moi en serio a tarefa de facer respectar as normas de convivencia e que os veciños poidan descansar, algo que confirma Jesús Piñeiro.

-A percepción na rúa e que se tomaron moi en serio esa labor.

-A percepción é correcta. Cando imos ás casas dos veciños vemos cal é a molestia real e non queremos que ningún lucense pase por iso. Facemos medicións, actas e todo o posible para darlle os argumentos ao instrutor para que peche o local en cuestión.

-Hai unha zona que parece especialmente complexa, o chamado «Triángulo das Bermudas» que forma Camiño Real ata a Fonte dos Rancho. Que sucede aí?

-Tentamos controlar todos os locais da cidade e sobre todo aqueles que xeran conflitividade non só polos ruídos, senón tamén inseguridade cidadá, pelexas… Detectamos tamén moitas condicións irregulares, probas de alcoholemia e drogas, e levantamos actas por infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas. Esas actas van a un negociado, instrúen o expediente, e levamos xa catro peches. E teño encima da mesa outro máis, aínda que este é na rúa Catedral. Pero ese triángulo si que nos está dando problemas. Por exemplo na noite do luns fomos ao 41 da rúa Tui e levantamos acta.

-Como se explica que pubs da zona teñan licenza de café bar?

-Ese tipo de locais antes tiña unha licenza de pub que permite abrir ata as 4.30 da madrugada, pero viron que cando tiñan xente era a partir das seis da mañá. Os pubs non poden abrir ata as 10, así que o que fixeron é cambiar a licenza, e así poden abrir ás 6 da mañá. O que non poden é poñer música.

-Por que se concentra nesa zona?

-É un ambiente diferente. Cara Camiño Real, máis latino, e cara abaixo son os que abren cando pechan os de toda a cidade, como se fosen un after.

 -Que actitude soen atoparse por parte dos propietarios e os clientes neste tipo de intervencións?

-Moita colaboración. Teñen moito respecto, nunca tivemos ningún problema. Levantamos acta, eles saben que é o noso traballo e non hai intervencións complexas. Saben que cando imos levantamos acta e logo, se hai que pechar, pechan e punto.

«O obxectivo ao cabo dun par de anos é poder chegar aos 141 axentes que establece a plantilla»

Jesús Piñeiro leva 39 anos como policía local. O seu é vocacional. Traballou 18 anos na brigada nocturna nos tempos duros, e ese contexto histórico permítelle asegurar que hoxe «Lugo é unha cidade segura». Parte desa seguridade conséguea a Policía Local que el dirixe dende hai 13 meses e para a que non ten máis ca boas palabras. «Temos unha plantilla excelente, estou moi orgulloso deles porque cos poucos que somos, fan un traballo titánico, sempre na rúa, sempre traballando e preocupándose».

-Cal é a radiografía a día de hoxe da Policía Local en Lugo?

-De 141 en plantilla, estamos 91 debido ás xubilacións anticipadas. Temos tres grandes unidades: a territorial de policía de barrio (que se encarga de seguridade cidadá, tráfico, policía administrativa, policía xudicial); unha unidade de atestados (para a instrución de accidentes de circulación e de dilixencias contra a seguridade viaria); e unha unidade de xestión administrativa que canaliza todos os informes, denuncias e demais para que se poidan derivar. As expectativas son moi boas porque a alcaldesa fixo un esforzo para activar as OPES atrasadas e temos 15 efectivos na academia e hai 23 prazas que se van ofertar a finais deste ano. O obxectivo é ao cabo dun par de anos poder chegar a 141. E necesitamos ter unha cadea de mando, van facer o curso catro inspectores máis. Ter unha estrutura xerarquizada é importante.

La hostelería de Lugo salda con 35 denuncias y 4 cierres el primer semestre del año

Víctor López / M. C.
Lara Méndez junto al inspector de la Policía Local de Lugo, Jesus Piñeiro, frente al Concello
Lara Méndez junto al inspector de la Policía Local de Lugo, Jesus Piñeiro, frente al Concello

Las sanciones por incumplir el horario de cierre o por exceso de ruido, entre las más habituales

El estado de alarma ha puesto a prueba la responsabilidad social de toda la ciudadanía y también la del sector de la hostelería. En Lugo, aunque la Policía Local insiste en que la mayoría de locales ha cumplido con las medidas protocolarias y la normativa vigentes, los agentes han sancionado a casi una cuarentena de establecimientos y han procedido al cierre de cuatro bares en lo que va de año.

La alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comparecía ayer junto al Inspector Jefe de la Policía Local, Jesús Piñeiro, para hacer balance de las intervenciones desarrolladas por los operativos del cuerpo durante los últimos seis meses, incluyendo por tanto el período del confinamiento y la posterior desescalada, donde las infracciones han crecido de forma exponencial.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

O xefe da Policía Local de Lugo: «Estamos preparados para o posible incremento das festas nos domicilios»