Un paseo pola obra e a vida de Olga Novo

Un roteiro literario sobre a escritora da Pobra do Brollón que foi cancelado pola pandemia retomarase para o próximo curso

Olga Novo, coa súa filla xunto ao tractor do seu pai en Vilarmao
Olga Novo, coa súa filla xunto ao tractor do seu pai en Vilarmao

A Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Lugo e o Centro Autonómico de Formación e Innovación tiñan prevista a realización dun roteiro literario na aldea de Vilarmao tomando a obra e a figura de Olga Novo como guía. A emerxencia sanitaria polo coronavirus impediu a realización da actividade mais, se a situación o permite, esta será reprogramada para o vindeiro curso. Xa no ano 2018, o mesmo itinerario tivo lugar dentro do programa Andainas Outonizas do concello da Pobra do Brollón.

O roteiro ía contar coa participación de docentes de toda Galicia e de alumnos e alumnas da EOI de Lugo que ?a través do departamento de Lingua Galega e o club de lectura da escola? leron parte da produción poética e da serie de artigos O bosque dos cromosomas de Olga Novo. Esta experiencia didáctica non soamente propón dotar de contexto á obra da escritora, senón que amosa o paso do tempo sobre as comunidades rurais e destaca algúns dos compoñentes destas que normalmente son pasados por alto.

A ruta comeza nun punto de Vilarmao onde está o coche en desuso dos veciños da familia da escritora: «O percorrido empeza na aira onde se encontra o Simca 1200 onde eu nacín no 1975. Alí lerei un poema que fai alusión a ese nacemento e ao que implica naquel momento ese coche, que agora semella un fósil». Ademais, dende esa ubicación, Novo conta que se pode ver O Courel e que «case se intúe a poesía de Novoneyra».

 

Pola columna vertebral

A partir de aí, o percorrido a realizar atravesa toda a aldea en liña recta, semellando o que Novo califica como «unha estrutura de columna vertebral». A dinámica pasa a consistir na autora contando curiosidades ou historias persoais relacionadas con cada casa. Unha das paradas que conta con maior simbolismo é a casa natal da poeta: «É de onde procede toda a miña familia paterna e, entón, hai algúns elementos a partir dos cales explico a miña obra, tamén para min mesma». Entre estes, atópase o tractor do seu pai do ano 1975, que representa todos os cambios dados na sociedade cara a maquinización e, a un tempo, na súa propia familia.

Ao tratarse dun paseo pola aldea na que a escritora desenvolveu gran parte da súa experiencia vital, un dos fins do itinerario é incidir sobre o factor humano e social presente en núcleos rurais como o de Vilarmao. Algunhas das figuras que Olga Novo quere poñer en valor son as de «tantas e tantas mulleres humildes cuxos labores e vidas resultaron invisibles». A autora subliña especialmente todo o legado que algunhas destas mulleres lle deixaron: «Ao carón delas aprendín diferentes cousas da vida moi importantes, quizais moito máis que aquelas que aprendín na escola».

 

Historias olvidadas

Do mesmo modo, a vida infantil no rural é outro dos perfís que busca destacar: «Os nenos e as nenas realizaban permanentemente tarefas de apoio nos traballos que resultaban esenciais para as comunidades campesiñas». A escritora incide na importancia de contar aquelas historias moitas veces obviadas: «Considero que teñen pasado á historia grandes poderes que nos atenazan máis que outra cousa. Polo contrario, non o fan aquelas persoas que verdadeiramente conforman e manteñen a vida».

A partir destas historias persoais, a autora busca poñer o foco nos cambios que sufriron as relacións entre os veciños do rural que, anteriormente, eran «de carácter familiar nun sentido amplo e profundo». Unha das causas que impulsaron estas e outras mudas ten que ver coa propiedade nos ambientes comunais e é apuntada por Novo: «A propiedade non era tan privada como agora, non había o sentido da intimidade de hoxe en día».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un paseo pola obra e a vida de Olga Novo