O concurso de balcóns do Arde Lucus elixiu gañadores

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O balcón que recibiu o terceiro premio do certame
O balcón que recibiu o terceiro premio do certame ALBERTO LÓPEZ

Foron dous corredores nas contornas de Casa Baratas e Fontiñas e unha galería preto da Estación de Autobuses

09 jul 2020 . Actualizado a las 20:49 h.

 O concurso de balcóns do Arde Lucus xa ten gañadores. Logo de reunirse o luns para avaliar as propostas presentadas, os integrantes do tribunal, Nuria Carballido Álvarez, profesional do sector de organización de eventos; Silver Fernández Fernández, representante da asociación Ara Roma; Ana González Abelleira; María Lamela Rodríguez, experta en vestimenta romana e de recreación histórica e Mónica Rodríguez Castro, expoñente da asociación Clan de Breogán, seleccionaron ás tres vivendas gañadoras.

 «Trátase de dous balcóns, sitos nas contornas de Casas Baratas e Fontiñas, e dunha galería nos arredores da Estación de Autobuses que, durante estes días, souberon reflectir e transmitir ao resto da cidadanía o espírito destas festas tan importantes para a nosa cidade e manter viva a súa chama nos barrios, a pesar das circunstancias especiais nas que tiveron que celebrarse este ano», salientou Ana González Abelleira.

Balcón gañador do certame
Balcón gañador do certame

 No certame, co que se pretendía promover a participación activa da veciñanza e dinamizar a capital cunha estética propia, ambientada no pasado romano local, participaron unha ducia de particulares que, entre o 18 e o 28 de xuño, engalanaron a face dos seus domicilios contribuíndo así a que Lugo tivera Arde Lucus, a pesar das restricións impostas polo coronavirus.

Balcón ao que se entregou o segundo premio
Balcón ao que se entregou o segundo premio

Na toma da decisión, os membros do xurado visitaron o enderezo dos inmobles inscritos antes de realizar a súa valoración e concederon, así, un primeiro premio, valorado en 1.000 euros, a un pequeno balcón ataviado cun torque dourado, peles e outros símbolos castrexos; un segundo premio, de 500 €, a unha solaina que emulaba un posto vixía na torre da Mosqueira e, finalmente, un terceiro, de 300 €, a un corredor aberto no que fiestras e varanda serviron de soporte a un lenzo de liño que proclamaba a festa entre trísceles e outros motivos.