«O fútbol deixoume unha relación especial con compañeiros e rivais»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Manuel Sandamil afirma que o deporte foi para el un desafío no que deu saído adiante

06 jul 2020 . Actualizado a las 23:13 h.

1992 foi o ano dos Xogos Olímpicos de Barcelona. En Lugo ocorreu tamén algo salientable dende o punto de vista deportivo, pois o equipo de fútbol ascendeu a Segunda División A. Manuel Sandamil tiña daquela vinte anos: non era dos que máis xogaba no equipo, pero ter feito parte daquel grupo é algo que non esquece e que aparece nunha conversa que xire arredor do fútbol.

-Como se dá o paso de xogar con  amigos a xogar nun equipo, con xente ao principio descoñecida?

-Foi un paso importante. Pasei dun equipo xuvenil a xogar no Lugo, imaxina. Eu adestraba co equipo filial, pero tamén ía convocado co primeiro equipo ás veces: así ocorreu, por exemplo, no ano no que se ascendeu a Segunda División A.

-Cando un é novo, vive esas situacións con naturalidade ou sente tamén algo de presión?

-Tomeino coma un desafío. Para min, nun primeiro momento, era facer algo co que non contaba; despois, con traballo e dedicación, saiu adiante. Non destaquei por técnica; todo o conseguín porque lle puxen gana e traballo. A miña arma foi o amor propio. No Lugo axudoume moito aquel gran vestiario que había: para min foron uns pais no fútbol.

-«Se se cre e se traballa, pódese», di Diego Pablo Simeone. Está de acordo?

-Tamén inflúe a sorte: tes que estar no lugar axeitado no momento xusto. Eu tiven esa sorte. Naquel momento, cando era xuvenil, era un xogador máis ben de primeira liña: fun convocado para xogar na selección galega. Para min, o importante sempre foi traballar e perseverar.

-Paga a pena ese esforzo?

-Paga a pena todo esforzo que fas polo que che gusta. Creo que o que fixen, realmente, pagou a pena. Hai que ser un pouco ambicioso.

-Que queda do fútbol cando un o deixa?

-Para min, sobre todo, quedan grandes recordos do que conseguín. Son recordos bos porque conseguín máis do que podía imaxinar. Síntome orgulloso de ter xogado en Segunda División B, pero tamén de ter xogado en Primeira Rexional. O que me queda é a xente que atopei, persoas que seguen a ser amigas miñas aínda que non poida estar moito en contacto con elas.

-Convén ter soños grandes ou vivir día a día?

-Todo son etapas. Eu teño un neno de oito anos e dígolle que o pase ben e que goce do fútbol. O fíútbol váleche para relacionarte e para ser competitivo, pero tamén para pasalo ben.

-Créase unha amizade especial coa xente coa que se coincide nun vestiario?

-Sen dúbida. Non toda a xente que coñeces é igual, pero eu leveime ben con todos. Do fútbol quédame unha relación especial cos compañeiros e cos rivais. Cada un defende o seu, pero despois, tan amigos: eu podo xogar con meu irmán, pero tentarei gañarlle. Non sirvo para estar nun campo de fútbol para perder ou para pasar o tempo. O día en que pense iso, non serei eu.

«Creo que no fútbol se aprende a ter relación con outra xente»

Dedicarlle tempo ao fútbol implica non dedicarllo a outras cousas. Manuel Sandamil non cre que renunciase a cousas mellores por ter sido deportista : por unha banda, coincidiu con xogadores que, di, eran bos tecnicamente; por outra, non só pasou polo Lugo senón que xogou despois varias temporadas en Segunda División.

-Que leccións se aprenden no fútbol?

-Creo que no fútbol, coma na maioría dos deportes, se aprende a ser competitivo, a ter relación con outra xente, a abrir camiño. Creo que todo iso xe vai aprendendo e que todo iso, polo menos no meu caso, che vale para ben. Coñeces xente que logo vas atopando por aí, e iso xa é algo que vale moito.

-Ve o fútbol como o xogador que foi ou como un espectador calquera?

-Quizais analizo un pouco máis as posicións nas que xogaba [era defensa]. Ás veces fas unha crítica, acertada ou non, pero lembrando que todos fan o que poden e que todos ox xogadores nos equivocamos. Ás veces vou ver fútbol; véñenme recordos. e penso `gustaríame estar aí abaixo`.

  Boa sintonía con futbolistas e con adestradores

Sandamil xogou, xa dende rapaz, en equipos de Lugo; despois, en Mondoñedo, en Sarria e en Muimenta. «Sempre atopei bos vestiarios. A xente coa que coincidín, compañeiros e adestradores, foi moi boa. Sempre me adaptei ben a todos os sitios. En calquera lugar no que estiven sigo a ter amigos, tanto entre antigos compañeiros coma entre afeccionados», di. Engade que lle faría falta un gran esforzo para dar atopado un mal recordo deses anos.

Orixe. Manuel Sandamil naceu en Pacios (Castro de Rei) en 1972.

Traxectoria. Comercial, Lugo, Mindoniense, Sarriana e Muimenta foron os seus equipos.

Evolución. Ten unha explotación gandeira na parroquia de Pacios.