Lecer «comestible» para a rapazada lucense

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

Primeira xornada das merendas saudables
Primeira xornada das merendas saudables

Comezaron as merendas saudables para a rapazada lucense a carón do Miño

05 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres deu comezo «Comestibles», as merendas saudables da rapazada lucense ao carón do Miño. O edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, e a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, acompañaron aos participantes na primeira das tres sesións organizadas para este fin de semana. Unha actividade que se realiza na contorna do río Miño, concretamente, a carón da área recreativa de Os Robles e que pretende ser unha alternativa de ocio coa que facilitar a conciliación no seo das familias ao tempo que se fomenta entre a xuventude a creatividade e o respecto polo medio ambiente.

A primeira tarde, arredor dunha vintena de nenas e nenos de entre 8 e 14 anos puideron gozar dunha xornada de lecer na que a boa alimentación se mesturou coas habilidades artísticas, de maneira que, ademais de merendar, os pequenos puxeron a proba a súa creatividade coa realización de gravados sobre torradas de pan, nas que fixeron serigrafía con diferentes salsas e cremas. Tamén crearon historias cinematográficas en Stop Motion con distintos ingredientes, películas coas que posteriormente se fará un arquivo para a súa difusión.

«Comestibles» foi posto en marcha polo goberno de Lara Méndez a través de Europa Direct, da área de Desenvolvemento Local e Emprego, e trátase dunha acción totalmente gratuíta que ten, ademais, unha vertente de aprendizaxe e concienciación social ao respecto do coidado do planeta.

Remata hoxe, de 17.00 a 19.00 horas, seguindo as medidas de hixiene e seguridade, así como as recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias relativas á protección contra o covid-19, de forma que os participantes terán á súa disposición xel hidroalcohólico, gorras ou crema solar cos que se vela polo seu benestar.