Clara Reigosa: «Non hai cultura de ir ao museo»

Graduada en Historia da Arte, esta lucense cursará un máster en xestión de museos en Nova York tras obter unha das axudas da Fundación Barrié

Clara Reigosa cursará un máster en xestión de museos en Nova York como bolseira da Fundación Barrié
Clara Reigosa cursará un máster en xestión de museos en Nova York como bolseira da Fundación Barrié

LUGO

Dos dez graduados seleccionados pola Fundación Barrié para financiar os seus estudios no estranxeiro, só ela ven da rama de Humanidades. Clara Reigosa (Lugo, 1996) estudiou Historia da Arte na Universidade de Santiago e comezará en setembro un máster en xestión museística na Universidade de Nova York. Gustaríalle traballar á súa volta nunha toma de conciencia que vaticina longa: entender os museos como un espazo máis da rúa que pisamos. «Non hai cultura de ir ao museo», lamenta.

—De onde procede esa paixón polos museos?

—O meu pai traballa no Museo Provincial de Lugo, pero somos tres irmáns e cada un foi polo seu lado. O maior foi por ciencias, o outro por ciencias sociais e eu por humanidades. Así que o de meu pai tivo a súa influencia, pero cada un foi facendo o seu camiño. De pequena, si que me gustaba estar nos museos, nunca tiven claro que quería traballar nun, iso foi moi tarde. Que quería ir por humanidades porque me gustaba máis estudar latín, cultura clásica... Despois, das carreiras que había tiña claro cales non quería e ao final quedou Historia da Arte, que era unha carreira que me gustaba. Unha vez xa dentro, si que quixen facer o master en museos e especializarme porque o que máis me gustaba era traballar neses espazos a educación, a comunicación, ver a importancia dos museos na sociedade...

—Vimos dunha etapa de crise sanitaria na que os museos tiveron que reforzar a súa presenza virtual. Como o valora fronte á experiencia presencial?

—A relación virtual é necesaria porque xa fai tempo que temos as ferramentas, ordenador, internet, e é necesario para achegarnos aos museos nos momentos nos que non podemos, como ocorreu con esta pandemia ou cando a xente vive máis lonxe e hai un patrimonio cultural en concreto que quere ver, etc. Pero penso que o virtual non pode substituír ao presencial nin á contemplación da arte directa. Estou moi a favor de todas as ferramentas virtuais, pero creo que hai que saber entendelas como complementos á visita presencial e á experiencia in situ. A raíz do coronavirus, si que é necesario repensar os museos no sentido de que moitas veces son pensados para turistas e creo que o traballo que hai que facer é achegar os museos e o patrimonio á xente local para que teñan un primeiro contacto co patrimonio.

—Cre que apreciamos a accesibilidade aos museos, en contraste con cidades como Nova York, onde é máis exclusivo?

—É moi importante que o acceso sexa democrático, de pagar ou non entrada, pero penso que o maior problema é que non hai cultura de ir ao museo como un espazo de ocio. Eu moitas veces vou o museo por pasar a tarde e porque me gusta ver as obras. Máis que por tema de cartos, que é verdade que somos moi afortunados porque a maioría son gratis e hai moitísimas actividades dentro deles que tamén son gratis, creo que hai que conseguir que a xente queira ir. Moitas veces a xente non sabe se son gratis ou non.Non me gusta culpabilizar á xente, se non que os museos podan mostrar o que teñen.

—Cal sería un paso decisivo que terían que dar os museos para conseguir que a cidadanía os sinta como espazos propios?

—Creo que é moi difícil e levaría moito tempo, pero opino que hai que facer valer a reflexión e o pensamento crítico como algo necesario e a partir de aí explicar á xente, que é a parte que me gusta a min dos museos, que nos poden contar as obras. Este ano estiven de prácticas no Museo do Prado e facía algunha actividade e unha vez que a tiña escrita parecía moi fácil, pero a min iso levábame moito tempo: pensar como contar as cousas, como introducir as obras de arte no discurso, por que contar iso . Penso que hai que facer ver que ese traballo ten moito valor porque fai que unha persoa aprenda, desfrute e coñeza. Habería que empezar por aí desde máis pequenos. A xente de Lugo case non vai ao Museo Provincial. Xente da miña idade é moi difícil que vaian unha tarde por alí, cando o edificio xa paga a pena, o claustro...

—Tamén polo seu valor terapéutico. Durante o confinamento se demostrou o poder da cultura para levar mellor un momento de incerteza.

—É moi persoal a maneira en que cada un se relaxa. Pero é necesario dar a entender a posibilidade de reflexionar, aprender e coñecer multitude de cuestións necesarias para nós mesmos. Saber o que pasou no pasado permítenos resolver situacións actuais, coñecer como actuou a xente no pasado e como podemos actuar agora.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Clara Reigosa: «Non hai cultura de ir ao museo»