Do «confinamento» de Ánxel Fole

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

LUGO CIUDAD

19 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Evoco hoxe un gran mestre do relato curto en galego, un narrador que foi moi celebrado desde que publicou Á lus do candil. Contos á carón do lume (1952) e Terra brava. Contos da solaina (1955). Son contos situados na xeografía e na antropoloxía das terras luguesas do Incio, de Quiroga e do Courel, onde, por certo, o autor pasou longas tempadas despois da Sublevación do 36. Foi unha especie de escudo para evitar ou non propiciar, en casas de certos apelidos -e de nobre condición-, a represión política da época. O certo é que neses mesmos anos, houbo períodos nos que Ánxel Fole (1903-1986) exerceu de profesor de Literatura nunha academia de Lugo. El non era Licenciado en Letras (nin en Dereito, carreira que comezara), pero en Lugo algúns sectores non só coñecían a súa erudición na materia senón que estaban dispostos a axudalo, en tempos tan míseros, para que gañase unhas cadelas. Claudio Rodríguez Fer, o seu máximo estudoso, ten dedicado páxinas precisas á vida do escritor nestes anos.

Sobre a actividade literaria e docente daqueles tristes anos eu posúo un texto revelador: un “libro” de Fole titulado Lecciones de Historia de la Literatura especiales para el examen de Estado por el profesor de la asignatura. O exame de Estado era, no plan de 1938, a Reválida dos sete cursos de Bacharelato, proba -escrita e oral- que se facía en Santiago ante profesores universitarios. Naquel plan -o primeiro bacharelato franquista- cursábase, en quinto, un ano de Literatura universal, e algúns dos seus temas eran frecuentes nesa solemne proba. O que eu posúo é un mecanoscrito de 101 cuartillas nas que Fole aborda o discurso literario mundial desde Los orígenes del lenguaje ata a Xeración do 98 e os seus epígonos. Son tantas as literaturas, os períodos e os escritores que Fole, por razóns didácticas, só ofrece breves sínteses dos capítulos máis significativos.

Pero non é un manual trivial. Falando das literaturas exóticas, relaciona o haikai xaponés con certos versos de Antonio Machado, ou tratando dunha nobre literatura antiga, a sánscrita, Fole ofrece aos seus alumnos versos de Kalidasa, «el más grande poeta de la literatura india», na tradución castelá de José Herrero. No capítulo final dedica dúas páxinas a Ortega y Gasset nas que, ademais de achegarse ao seu pensamento e ao seu fulgurante estilo, comunícanos a súa admiración intelectual polo escritor que máis influíu «en las generaciones posteriores».

Este mecanoscrito regaloumo en Lugo, no ano 1960, o brillante profesor de Matemáticas José Luís Salgado Diéguez, que fora alumno de Ánxel Fole no seu bacharelato. Na páxina 2 figura unha breve nota prologal asinada por A.F.

Este valiosísimo mecanoscrito proporcionoume, nestas datas de confinamento, unhas horas de rica e melancólica compaña. Escribiuno Ánxel Fole, aquel home tan inocente e tan lúcido, en horas moi especiais.