Un ano de goberno bipartito en Lugo

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez OSCAR CELA

Méndez, Arroxo e Carballo analizan os primeiros doce meses de mandato no Concello de Lugo

16 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O 15 de xuño de 2019 Lugo estreaba nova corporación e goberno bipartito. Os socialistas, encabezados por Lara Méndez, e o BNG, con Rubén Arroxo á fronte, chegaban a un acordo de goberno que se escenificou coa toma de posesión ese día. Dende entón sucederon infinidade de cousas, mesmo unha pandemia, e os tres líderes políticos municipais fan balance des tempo.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez OSCAR CELA

Lara Méndez (PSOE): «Orientamos o primeiro semestre a avanzar na capacidade resolutiva»

Lara Méndez considera que Lugo está a vivir a segunda gran transformación do municipio, un cambio enfocado a acadar a «cidade verde, sustentable, respectuosa co medio ambiente e prometedora en canto á súa proxección empresarial».

«Orientamos o primeiro semestre deste mandato a avanzar na capacidade resolutiva do Concello para incrementar a súa eficacia e mellorar a calidade dos servizos públicos», apunta a rexedora. Neste sentido, apunta a implantación da administración electrónica, ou a aprobación dos orzamentos. No eido do urbanismo lembra a cesión do tramo da N-VI que transcorre pola zona do Dusi, ou a reactivación do proxecto da intermodal. En Medio Ambiente, a habilitación do servizo de resolución de avarías as 24 horas do día, así como a mellora e ampliación dos parques infantís. Tamén o proxecto do barrio multiecolóxico.

A raía da crise do coronavirus, os esforzos municipais desembocaron no plan Reanima, mentres que para Méndez «se algo cremos que pode definir a nosa xestión á fronte do Concello é o compromiso deste goberno co benestar da súa cidadanía», exemplificado na tarefa diaria de servizos sociais ou en iniciativas como o ascensor do Sagrado Corazón. A nivel de igualdade, Méndez lembra o impulso da marca propia Mulleres con forza e os distintos programas enfocados a acadar a igualdade real.

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo
O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo Carlos Castro

Rubén Arroxo (BNG): «Traballamos para compartir a ilusión e o orgullo de vivir en Lugo»

O voceiro do BNG e tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, valorou positivamente o primeiro ano de bipartito lembrando que «traballamos para compartir a ilusión e o orgullo de vivir en Lugo. O goberno municipal é unha ferramenta ao servizo da veciñanza para que Lugo funcione».

Deste primeiro ano subliña os traballos feitos no avance de peonalización e da nova mobilidade na cidade, as obras nos distintos barrios, a ampliación do cemiterio, a ampliación do servizo de madrugadores ou a redución de trámites na educación. Tamén o incremento do peso da cultura. «Neste ano que levamos de mandato no goberno municipal, temos que dicir que o primeiro polo que tivemos que comezar foi con facer un San Froilán potente, pero contando cos grupos de Lugo. E así aconteceu, tivemos un San Froilán potente, e con medio cento de grupos de Lugo participando do San Froilán. Despois, iniciamos todos os proxectos para levar a cabo un cambio importante na mobilidade da cidade apostando por unha maior peonalización e apostando ao mesmo tempo por protexer noso ben máis prezado, que é a Muralla», destacou Arroxo. «Cómpre dicir tamén que neste tempo temos que agradecer o gran esforzo dos traballadores e traballadoras municipais, a grande participación da veciñanza». Tamén agradeceu Arroxo o traballo levado a cabo pola oposición.

O voceiro do Partido Popular en Lugo, Ramón Carballo
O voceiro do Partido Popular en Lugo, Ramón Carballo ALBERTO LÓPEZ

Ramón Carballo (PP): «O bigoberno aplicou o rodillo nas iniciativas que o PP leva a pleno»

O Partido Popular de Lugo, co seu voceiro Ramón Carballo á cabeza, considera que o goberno bipartito aplicou o rodillo ás iniciativas presentadas polo seu grupo neste primeiro ano de mandato. «O bigoberno aplicou o rodillo nas iniciativas que o PP leva a pleno», defende o concelleiro, e xustifícao lembrando que o seu grupo presentou 354 iniciativas nos últimos doce meses.

«Non se entende, por exemplo, que se negasen a promover un programa de mobilización de terras municipais no rural, elaboración dunha planificación saudable das zonas verdes do concello; dar uso a edificios municipais abandonados así como a súa negativa a implentar algunha das iniciativas relativas á emerxencia sanitaria que vimos de sufrir».

Carballo criticou tamén a falta de respecto institucional de PSOE e BNG por incumplir «acordos tan necesarios para Lugo como establecer un sistema rotatorio gratuito», a creación de aparcamentos disuasorios no centro; sumarse ao Viogén; construción dun novo pavillón polideportivo; cesión de terreos para construción dun novo centro de saúde no Sagrado Corazón; avanzar no paseo interior da muralla; eliminar tapóns urbanístico; medidas esconómicas para persoas celíacas, entre outras, indican. Consideran que o seu grupo fixo neste tempo unha «oposición responsable e un traballo construtivo».