Medio século de praceira: «Aínda onte levei unha boa ración de sacho»

Maruja Novo comezou a vender no mercado de Lugo «porque a necesidade era moita» e hoxe faino porque lle gusta e suma uns euros á pensión. É memoria vida da praza lucense

;
Maruja Novo praceira que leva 50 anos no mercado en Lugo Maruja Novo praceira que leva 50 anos no mercado en Lugo

lugo / la voz

Maruja Novo vive cunha man pegada ao sacho e outra ao bastón. Naceu en Muimenta -«onde está a sala de festas», atalla- hai 77 anos e os últimos 50 pasounos acudindo puntualmente ao mercado de Quiroga Ballesteros a vender os produtos que cultiva na horta. Cinco décadas carrexando cestas e caixas de verduras e hortalizas e sendo testemuña privilexiada dos cambios da praza e da súa clientela.

«Teño 77 anos e levo 50 vendendo no mercado. Empecei porque a necesidade era moita. O meu home era obreiro e eu campesiña e, como a necesidade obrigaba, viña vender aquí os días de mercado o que producía na horta. Agora vimos por pracer, para sacar uns cartiños a maiores, que a pensión é pequena, e para pasar o tempo. Os tempos cambiaron moito», narra cunha voz alegre.

Maruja é unha muller vitalista. Era pouco máis ca unha nena cando fixo a maleta na Terra Chá e se trasladou traballar a Lugo. Con 17 anos propuxéronlle ir de interna a unha casa, así que cruzou España. «Marchei traballar a Andalucía e alí estiven cinco anos. Volvín con 22 e xa coñecín a este ‘majo’», conta mirando ao seu marido, que a acompaña nas horas de mercado e é o seu compañeiro na labranza. «É o maquinista», di rindo.

Cando Maruja comezou a vender en Quiroga Ballesteros, a praza nin era tal. «Daquelas viviamos para aló da ponte romana. Eu poñía na cabeza unha rodela, colocaba a cesta e subía ata aquí pola calzada cargada de verdura. Tiña que facer unha parada no camiño», lembra.

Cando chegaba á praza, atopábase cunha clientela desexosa de mercar. «Non hai comparanza! Daquelas vendíase de todo, a pesar de que había bastante máis mercancía!», desvela, «eu creo que é porque agora en calquera esquina tes unha froitería e un mercado, e daquelas había catro tendas. Ademais, agora a xuventude vai toda ao supermercado, é raro que vexas por aquí a alguén novo. Aquí todos somos maiores, vendendo e mercando. Todo o que se trae aquí é natural, sen química ningunha, e a xuventude non mira para iso, non lle dá aprecio».

Ao longo de cinco décadas, Maruja, que non ten claro se é a vendedora máis veterana do mercado, viviu a evolución da cidade. «Cando empezamos, aquí non había nin este chan, era case coma terra, logo puxéronnos como uns toldos. Despois houbo unha época na que nos mandaron para o soto da praza, e agora volvemos estar aquí, xa vivín de todo neste sitio».

Ela leva toda a vida loitando na horta, e fóra dela, e ansía seguir facéndoo por moito tempo máis. «Aínda onte levei unha boa ración de sacho!», confesa botando man do bastón, «e aquí estou, e quero seguir vindo moitos anos!».

«Cando fixemos a casa eu andaba polos tellados coma calquera home»

Ao longo dos anos Maruja foi tecendo unha clientela fiel no mercado lucense. Moita aínda a conserva, pero tamén asume que «perdín boa parte porque era xente maior que morreu, pero a que teño é moi boa». E esa fidelidade gañouna a base de vender bo xénero, algo que non mudou en cinco décadas. «A horta sachábaa eu, plantaba e recollía todo. A min sempre me gustou isto e sempre fun moi pesetera», confesa entre risas. Nos primeiros tempos, o traballo era todo a base de suar e botar man dalgún animal para arar a terra. Agora o tractor axuda, pero sen o coñecemento de quen sabe mimar o terreo, o produto non sería igual.

No mercado tamén fixo amizades, aínda que Maruja non se casa con calquera. «Eu son moi nobre e só quero xente nobre ao meu redor. Aquí téñoo pasado moi ben. Se ti estás na casa, non falas con ninguén, méteste entre catro paredes. Aquí contas un conto e falas cos amigos», unha receita infalible para manterse activa e vital.

 A pegada do traballo nas mans

Mentres xesticula e narra a súa vida, Maruja deixa ver unhas mans que teñen a pegada do sacho e do traballo duro. Ela foi unha desas mulleres loitadoras que dobrou o lombo para saír adiante, como tantas outras. «Cando fixemos a casa eu andaba polos tellados coma calquera home á hora de construíla, hai que loitar a vida sempre. Agora, na horta, pois sigo traballando coma sempre. Poño para nós e un pouco máis para poder vendelo despois, como fixen toda a vida», desvela mentres recolle as leitugas que lle quedaron sen vender. O seu produto brilla como se fose nun anuncio, pero sen necesitar truco algún. O único truco é a sabedoría de quen leva medio século cultivando a terra.

Lugo se resiste a la moda de los mercados gastronómicos

lorena garcía calvo

En otras ciudades las plazas han cobrado una nueva vida con propuestas más orientadas hacia la restauración

El Concello de Lugo quiere revitalizar el Mercado municipal y la Praza de Abastos y para ello ha sacado a oferta pública trece puestos, cuatro cámaras frigoríficas y cuatro almacenes a los que puede optar cualquier interesado. Hasta que se adjudiquen los espacios no se sabrá qué clase de negocios se instalarán en ellos, pero parece que el concepto de mercado tradicional que impera en los edificios de los dos márgenes de Quiroga Ballesteros no va a cambiar, al contrario de lo que sucede en otras ciudades, donde la conversión en gastromercados ha dado una nueva vida a los mercados y plazas.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Medio século de praceira: «Aínda onte levei unha boa ración de sacho»