A Domus do Mitreo reabre as súas portas tras miles de visitas virtuais

Laura López LA VOZ / LUGO

LUGO CIUDAD

O Museo da Domus abrirá de martes a domingo
O Museo da Domus abrirá de martes a domingo OSCAR CELA

O museo universitario estará aberto a partir do día 9 e a exposición ampliarase con novas pezas achadas nas escavacións deste xacemento, que xa conta cunha entrada na Wikipedia

08 jun 2020 . Actualizado a las 12:42 h.

O Museo Universitario A Domus do Mitreo, do Campus Terra de Lugo, reabre o martes 9 as súas portas para as visitas presenciais despois do peche obrigado polas restricións ás que levou a pandemia do covid-19. Porén, nestes últimos tres meses, o museo da USC rexistrou unha intensa actividade na súa web, con miles de visitas.

A Domus reabre no horario habitual anterior á pandemia, é dicir, de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os domingos de 11.00 a 14.00 horas. Porén, farao coas limitacións de aforo establecidas polas autoridades sanitarias. Como novidade, o museo ampliará proximamente a exposición, con novas pezas achadas durante os traballos de escavacións deste xacemento, e que «en breve» estarán accesibles nas distintas vitrinas das salas expositivas, segundo indicou a directora do museo, a profesora de Historia Antiga da USC Dolores Dopico Caínzos.

A Domus do Mitreo fixo unha grande aposta virtual durante o confinamento, coa posta en marcha dunha web interactiva coa que dar proxección a este xacemento romano, «un enclave que atopa na ara ao deus Mitra a súa peza máis emblemática, pero que constitúe un dos espazos máis prolíficos para o estudo e o coñecemento da vida e do legado dos moradores romanos que habitaron estas terras da Gallaecia», explican desde a USC.

Interese internacional

A web deste singular enclave museístico, que permite visibilizar a fonda pegada social, económica, cultural e relixiosa que os romanos deixaron na cidade de Lugo, recibiu unha auténtica avalancha de visitantes e rexistrou unha intensa actividade dos recursos didácticos que pon a disposición da cidadanía. A profesora Dopico Caínzos salientou, neste senso, o excepcional interese espertado por este xacemento en España, pero tamén na comunidade internacional, cuxa avalancha de visitas chegou, por momentos, a colapsar a web do museo.

Alén da proxección que achega a web ao Museo da Domus do Mitreo, a súa directora sinalou o importante labor didáctico e de sensibilización arredor do mundo romano que tamén está a desenvolver esta bitácora virtual entre a comunidade educativa, tanto entre escolares como docentes, e mesmo nas súas familias.

Fichas didácticas

Dopico sinalou neste senso a boa acollida das diversas fichas didácticas compiladas na web do museo, un material que inclúe elementos de traballo para o profesorado e tamén fichas para o alumnado de ensino primario e de ESO, «documentación elaborada con moito esmero e que axuda a mellorar a comprensión e o coñecemento do mundo e da vida na época romana», dixo.

Esta profesora de Historia Antiga tamén fixo fincapé noutros aspectos lúdicos que favorece a web da Domus, como o son as receitas de comidas típicas romanas, a través das que se achega ao público información sobre a gastronomía da época e se dá información para elaborar nas súas casas algúns do pratos ou menús máis populares.

Dopico Caínzos adiantou asemade o proxecto de ampliar os contidos compilados na web da Domus con material científico e explicativo para completar visitas virtuais a un xacemento mitraico que, desde hai poucas semanas, xa conta cunha entrada na Wikipedia. Esta achega é obra de Manuel Ramírez, profesor de Historia na Universidade de Las Palmas, que elaborou a entrada en castelán. Os responsables do Museo Universitario acometeron logo a tradución desta entrada ao galego e tamén ao inglés.

Unha avalancha de visitas de todo o mundo chegou a colapsar a web por momentos