Lugo, capital do mundo novo

Guido Álvarez CORONAVIRUS

LUGO CIUDAD

Carrril habilitado en la Ronda para pasear
Carrril habilitado en la Ronda para pasear ALBERTO LÓPEZ

O guía turístico Guido Álvarez analiza o paso dado para promover a peonalización

31 may 2020 . Actualizado a las 12:39 h.

Dous meses e medio de histórico confinamento serviron para moitas meditacións, e no caso de Lugo tamén para apuntalar vellas ideas pendentes. Neste século XXI quedaban poucos que non visualizasen con entusiasmo unha continuación das peonalizacións da cidade: agora, con eses conos e sinais de prohibido o paso, vemos ilusionados que ese soño pode facerse realidade antes do previsto.

A Muralla e a súa contorna, o bimilenario barrio de Recatelo, a rúa Mallorca e ángulos de Augas Férreas están a ser un tímido pero revolucionario avance e proba do mellor que pode ser Lugo se aposta polo que a fai única e diferente no mundo: unha cidade “à taille humaine” como dirían os franceses, cun patrimonio histórico inédito a nivel mundial, e cunha conexión co mundo rural que nestes tempos é motivo de envexa.

Decatáronse as administracións nos últimos anos, e sobre todo neste 2020, do valor dos barrios rurais de Lugo e do agochado patrimonio da cidade que aínda queda por destapar e poñer en valor: O Carme é xa —aínda que falta moito por facer— o referente que todos agardabamos, e nestes tempos de pandemia global semella que pode converterse nun verdadeiro paradigma para o novo mundo: vida sostible nas urbes.

Falando nas redes sobre o futuro xurdía unha vez o modelo de varias cidades escocesas como exemplo de zonas monumentais rodeadas dun intenso verde. Ese espello non tan distante para a Muralla, A Tinería, O Carme, A Ponte, ou Recatelo, semella a posible guinda —superando á peonalización gris— para un Lugo que ben podería aspirar, á capitalidade verde europea. Diría máis: á capitalidade do novo mundo