Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Lugo, capital do mundo novo

Guido Álvarez CORONAVIRUS

LUGO CIUDAD

Carrril habilitado en la Ronda para pasear
Carrril habilitado en la Ronda para pasear ALBERTO LÓPEZ

O guía turístico Guido Álvarez analiza o paso dado para promover a peonalización

31 may 2020 . Actualizado a las 12:39 h.

Dous meses e medio de histórico confinamento serviron para moitas meditacións, e no caso de Lugo tamén para apuntalar vellas ideas pendentes. Neste século XXI quedaban poucos que non visualizasen con entusiasmo unha continuación das peonalizacións da cidade: agora, con eses conos e sinais de prohibido o paso, vemos ilusionados que ese soño pode facerse realidade antes do previsto.

A Muralla e a súa contorna, o bimilenario barrio de Recatelo, a rúa Mallorca e ángulos de Augas Férreas están a ser un tímido pero revolucionario avance e proba do mellor que pode ser Lugo se aposta polo que a fai única e diferente no mundo: unha cidade “à taille humaine” como dirían os franceses, cun patrimonio histórico inédito a nivel mundial, e cunha conexión co mundo rural que nestes tempos é motivo de envexa.

Decatáronse as administracións nos últimos anos, e sobre todo neste 2020, do valor dos barrios rurais de Lugo e do agochado patrimonio da cidade que aínda queda por destapar e poñer en valor: O Carme é xa —aínda que falta moito por facer— o referente que todos agardabamos, e nestes tempos de pandemia global semella que pode converterse nun verdadeiro paradigma para o novo mundo: vida sostible nas urbes.