Prácticas de laboratorio desde as cociñas dos universitarios

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Imágenes de los experimentos que realizaron los alumnos en sus casas
Imágenes de los experimentos que realizaron los alumnos en sus casas CEDIDA

O confinamento non foi un atranco para os alumnos de Enxeñaría Química, que experimentaron na casa guiados polo profesorado

23 may 2020 . Actualizado a las 17:36 h.

O confinamento polo estado de alarma mudou por completo a actividade do alumnado do Campus Terra de Lugo. Pero a falta de clases presenciais non foi un atranco para que os estudantes seguisen avanzando desde os seus fogares. Bo exemplo diso deron nas últimas semanas os 23 estudantes que están a cursar a materia Termodinámica Aplicada do grao en Enxeñaría Química Industrial na facultade de Ciencias. Estes mozos, baixo a titoría do profesor Wajih Al-Soufi, non dubidaron en converter as cociñas dos seus respectivos fogares en laboratorios improvisados, pero suficientemente dotados para acadar resultados didácticos con máximo rigor, segundo explican desde a USC.

A nova realidade derivada do impacto do covid-19 obrigou a explorar as ferramentas de e-learning. Capítulo aparte son as prácticas de laboratorio, esenciais no currículo do alumnado de Enxeñaría, pero difíciles de facer a distancia. Porén, o profesor Wajih Al-Soufi, tamén integrante do grupo de innovación docente XuvenCiencia, non se desanimou e propúxose habilitar modestos laboratorios nos fogares dos alumnos. Para iso, deseñou unhas detalladas fichas didácticas, a través das que, axudados de viño tinto e dos seus móbiles, os estudantes puideron completar con éxito 12 horas de prácticas, un período de formación no que tamén tiveron titorías desde Teams.  

Fotómetro caseiro

Explican desde a USC que as instrucións achegadas polo responsable das prácticas da materia permitiron ao alumnado deseñar durante catro tardes un fotómetro de dobre feixe cos seus móbiles e outro material que tiñan na casa para medir a isoterma de adsorción -equilibrio da adsorción dun material nunha superficie a temperatura constante- do viño tinto sobre papel de cociña como adsorbente. De seguido, e despois de calibrar cunha serie de dilución do viño o fotómetro caseiro de dobre feixe de luz construído cun móbil, unha lámpada flexo ou unha pantalla de ordenador como fonte de luz e vasos de auga como cubetas, o alumnado estudou a capacidade dun adsorbente de extraer o colorante das disolucións do viño.

A falta de medios profesionais na casa tamén esixiu un esforzo engadido ao alumnado, que tivo que tirar de imaxinación para improvisar o equipo de medida, unha forma de «aprender facendo» que redundou nunha mellor comprensión dos fundamentos e detalles da técnica de espectroscopia empregada, segundo sinala Wajih Al-Soufi. Este profesor da área de Química Física da USC, no Campus de Lugo, comentou tamén que a maioría do alumnado obtivo bos datos experimentais. Estes resultados, engade, permitiron aos mozos realizar a mesma análise de datos e chegar ás mesmas conclusións que se obteñen no laboratorio da facultade.

Esta iniciativa pioneira foi moi ben acollida polo alumando e resultou ser todo un éxito, segundo recoñece o profesor. Este docente precisou que a avaliación destas tarefas, a través de preguntas, problemas de cálculo e cos informes diarios entregados polos estudantes, demostran que esta innovadora experiencia permitiu aos seus protagonistas adquirir os coñecementos cun nivel de comprensión óptimo, continúan desde a USC.

Satisfeito pola implicación do alumnado nesta experiencia, Al-Soufi está elaborando un artigo para a revista Journal of Chemical Education, a través da que pretende dar conta das posibilidades reais de improvisar laboratorios domésticos para fins docentes e da precisión dos resultados acadados. Este investigador adiantou tamén a intención do grupo XuvenCiencia de estender este concepto a experimentos orientados a estudantes de secundaria e a través do que poderán medir o ph de produtos caseiros ou determinar o contido de clorofila en plantas.