Gonzalo Castro, director do colexio Cervantes: «Queremos repartir polo menos 2.000 máscaras infantís»

Laura López LA VOZ / LUGO

LUGO CIUDAD

CEDIDA

A carreira solidaria que se celebra este domingo, de xeito simbólico, conta con máis de 500 inscritos

14 may 2020 . Actualizado a las 20:30 h.

O Colexio Plurilingüe Cervantes, de Lugo, organiza para este domingo, xunto ao Club Montepenarrubia (que preside Carlos Montero), a décima edición da súa Carreira Solidaria, cuxa recadación se destinará este ano á adquisición de máscaras infantís para repartir entre todos os centros educativos da cidade. Gonzalo Castro é o director do colexio Cervantes, e un dos organizadores da carreira, coa que tamén colaboran a asociación de nais e pais, ademais doutras institucións.

-Como xurdiu a idea de organizar esta carreira?

-Debido ao estado de alarma, non se podía organizar coma outros anos, pero parecíanos unha mágoa, sobre todo porque era a décima edición, e non queriamos perder ese contacto coa comunidade educativa. Así que entre todos os organizadores decidimos facer a carreira desta maneira, de forma simbólica, sen ser competitiva. Ademais, pareceunos boa idea que a finalidade solidaria deste ano fose a adquisición de máscaras pediátricas, infantís, para repartir entre todos os colexios da cidade, sexan públicos, privados ou concertados. Despois de informarnos, ademais, decidimos mercar máscaras lavables, que son máis recomendadas para estas idades.

-Que hai que facer para participar?

-Cómpre anotarse en https://championchipnorte.com ata o día 15. Cada un dá o donativo que desexe, cun mínimo de 1 euro.

-Cantas máscaras contan repartir?

-Ata o de agora (día 13) levamos máis de 500 inscritos e uns 2.000 euros recadados, así que queremos repartir polo menos 2.000 máscaras infantís, cantas máis poidamos, mellor. Iso dependerá do número de inscritos, e tamén do prezo que consiga a farmacia onde as imos mercar a semana que vén, a Labandeira, un colaborador asiduo, tamén do barrio, que está a facer un grande esforzo por conseguilas o máis económicas posibles, e está tamén facendo a súa aportación.

-Como se desenvolverá a proba?

-Este ano, en lugar de organizar as categorías por distancia, fixémolo por tempo. De forma que irá dende os trinta segundos que os máis pequenos terán que estar facendo deporte, exercicio ou correndo, ata os vinte minutos dos adultos. Pódese facer na casa ou na rúa se se cumpren as normas sanitarias. Ademais, os participantes poden enviarnos fotografías ou vídeos facendo deporte ao correo electrónico carrerasolidariacprcervantes@gmail.com, e despois faremos unha montaxe que compartiremos en redes.

 

En directo

Realizarase un seguimento en vivo da carreira, con profesionais do sector educativo e deportivo. Poderase seguir na páxina oficial de Facebook Carrera del Colegio CPR Cervantes: https://www.facebook.com/SolidariacolegioCervantesLugo/.

Dorsal personalizado

Unha vez feita inscrición, Championchip Norte enviará o dorsal, que cada participante debe personalizar con cores, frases de ánimo ou motivadoras...

Compartir en redes

Todo/a atleta participante portará o dorsal na camiseta, sendo visible para os vídeos e fotografías, que poderán compartir na dirección: carrerasolidariacprcervantes@gmail.com. Pódese apoiar co Hastag #correndococervantes nas redes sociais.

Reto: 5.000 minutos

O colexio márcase como reto chegar aos 5.000 minutos de carreira solidaria, e anima a conectarse á súa páxina de Facebook o día da proba para conseguilo.