Hai 30 anos, Lugo foi capital cultural de Galicia grazas ao poeta Pimentel

O autor de «Sombra do aire na herba» recibiu a homenaxe da Real Academia Galega


LUGO / LA VOZ

O 14 de novembro de 1989 La Voz de Galicia anunciaba que a Real Academia Galega rendería homenaxe o seguinte ano a Luis Benigno Vázquez Fernández. O que teña lido esas liñas pensará que non lembraba esa figura e que de pouco lle serviu o Día das Letras Galegas de 1990: ese nome resulta pouco coñecido, por exemplo, ao lado dos de Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou Manuel María, que recibiron a homenaxe da Real Academia un 17 de maio.

Se dicimos, como se explicaba na devandita noticia deste xornal, que a figura escollida pola Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas de 1990 foi o poeta Luis Pimentel, xa medra o recoñecemento da súa figura, de cuxo nacemento se cumpren, por outra banda, 125 anos o vindeiro mes de novembro.

Os académicos elixiron para os actos de homenaxe de 1990 un poeta que morrera 32 anos antes. Esa distancia, xa un pouco ampla, contrastaba cos dez anos que só pasaran dende a morte de Celso Emilio Ferreiro, protagonista do Día das Letras Galegas de 1989 e figura dunha presenza pública máis coñecida. Pimentel publicou só un libro en vida, «Triscos», e outros dous —«Sombra do aire na herba», escrito en galego, e «Barco sin luces», escrito en castelán— saíron do prelo tras a súa morte.

O que pase hoxe pola Praza Maior de Lugo poderá ver a estatua alí colocada, obra de Otero Besteiro, preto da casa natal. Pimentel, médico de profesión, non só naceu e morreu en Lugo, senón que en Lugo viviu gran parte da súa vida. Á súa obra non lle faltaron estudosos nin admiradores, de Dámaso Alonso a Claudio Rodríguez Fer pasando por Álvaro Cunqueiro, Luz Pozo Garza ou Dionisio Gamallo Fierros, aínda que a súa produción literaria non acadou seguramente a proxección doutros nomes. O escritor mindoniense mesmo recoñeceu que de non ter sido por Pimentel, quizais non chegaría a ter publicado nin unha liña.

Nun artigo publicado neste xornal o 26 de novembro de 1989, Siro López escribía que Luis Pimentel non sentira «a máis mínima fachenda como autor», nin tampouco devecera por ver publicados os seus versos ou por converterse nunha personalidade popular. O 17 de maio de 1990, na sesión que a Real Academia Galega celebrou en Lugo co gallo do Día das Letras Galegas, Xosé Trapero Pardo subliñou que o carácter silencioso e algo reservado do autor homenaxeado aquel día non era nin podía ser considerado mostra de desprezo ou de illamento da sociedade.

Domingo García-Sabell, daquela presidente da institución, dixo de Pimentel, hai 30 anos, que escribira poesía pura que leva ao lector a un mundo de sensacións. Nese mundo, porén, hai moito de lucense, como advertía Siro López no devandito artigo. Para el, as figuras de Pimentel, de Celestino Fernández de la Vega e de Fole eran «parte do patrimonio cultural da cidade, intemporais e nosos como as mesmas murallas».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Hai 30 anos, Lugo foi capital cultural de Galicia grazas ao poeta Pimentel