Outra ollada para achegarse á cidade e á súa historia

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

CONCELLO DE LUGO

A aplicación «Lugo na memoria» facilita un percorrido virtual polas rúas do centro, completado con información histórica, fotos e planos antigos

06 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A tecnoloxía converteuse nunha grande aliada para afrontar o confinamento, e agora, na desescalada, pode tamén permitir complementar e enriquecer a experiencia das saídas á rúa. Un bo exemplo é a aplicación «Lugo na memoria», que xurdiu dun obradoiro de emprego municipal e coa que o Concello quere poñer en valor, de forma atractiva, a riqueza patrimonial, histórica e cultural do municipio.

A aplicación presenta tres itinerarios posibles: un que segue o trazado do Camiño Primitivo, outro que parte de Bispo Aguirre e sae por San Fernando, e un terceiro que recolle a ampliación urbanística do século XIX. Deste xeito, pódense percorrer rúas do centro, dentro e fóra da Muralla, en 360o.

En cada páxina, a aplicación permite, ademais dun percorrido virtual polas rúas, acceder a información -sobre monumentos, lugares, historia...-, fotografías, anuncios e planos antigos, retrofotografías -comparativas de imaxes actuais con outras históricas-, mapa da cidade...