As propostas culturais do MIHL «enganchan» aos lucenses

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Exposicións virtuais, entrevistas a artistas ou «adiviñas» didácticas son algunhas das actividades que lanzan desde as redes

01 may 2020 . Actualizado a las 13:43 h.

As propostas culturais do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) para estas semanas de confinamento están «enganchando» aos lucenses, e a oferta de contidos culturais, didácticos e de lecer cada vez é máis ampla debido á boa acollida que está tendo. Exposicións virtuais, entrevistas a artistas ou «adiviñas» didácticas son algunhas das actividades que lanzan desde as redes sociais (Facebook e Instagram) para participar en liña.

A primeira actividade que puxeron en marcha foi o ConfinArte. Trátase dunha exposición virtual aberta a todo o mundo, para que envíen ao MIHL as súas creacións (fotografías, esculturas, pinturas, debuxos...). A convocatoria aínda está aberta, e cada dous días, dende o MIHL comparten unha das obras enviadas. A participación está sendo moi boa, tanto con artistas consagrados como amateurs, de xeito que a proposta está alcanzando unha gran calidade.

Historia da cidade e MIHL

As «adiviñas» didácticas son outra das accións que está tendo moito éxito, e lévanse a cabo a través dos stories de Instagram. Por un lado, está o «¿Sabías que...?», no que lanzan unha pregunta sobre a historia da cidade ou do museo, con tres posibles respostas. Os participantes, público adulto, teñen que acertar a correcta, que se dá a coñecer horas máis tarde. Dun xeito similar funciona o «¿Onde estamos?»: na primeira parte, publican unha fotografía antiga da cidade (patrimonio, lugares emblemáticos, puntos de interese...), e os participantes teñen que adiviñar de que lugar da cidade se trata de entre dúas opcións que se lles dan; e nunha segunda publicación, máis tarde, desvelan o lugar amosando a foto antiga xunto a unha actual do mesmo lugar.

Charla con Antonio Murado

Por outra banda, está o CuestionArte, a última das accións postas en marcha. Trátase de pequenas entrevistas a artistas convidados, preferentemente, galegos. O cuestionario consta de seis preguntas para respostar con rapidez (¿En que outra etapa histórica lle gustaría ter vivido? ¿Que obra artística lle gustaría ter feito? ¿Que museo dos que visitou o impresionou máis? ¿Cal é a súa corrente artística preferida? ¿A que obra súa lle garda especial cariño e por que? e ‘Se puidese roubar unha obra artística para ter na casa, ¿cal sería?’). Son preguntas sinxelas para que «artista e público conecten dun xeito dinámico», segundo afirman desde o MIHL. Nos seguintes días á publicación da entrevista, sóbese unha das súas obras, ben escollida polo artista ou ben unha das que estivo exposta no MIHL. O formato é vídeo, para publicar en Instagram. Para a primeira entrega desta nova sección, que se pode ver no Instagram, contaron co artista de recoñecido prestixio internacional e raíces lucenses Antonio Murado.

Exposicións

A maiores, están aproveitando para divulgar as exposicións que estaban abertas no momento no que se declarou o estado de alarma e que agora non se poden visitas presencialmente: Momentos, de Constantino Cuesta; Desenterrar o pasado, de arqueoloxía; Visións de Lugo, do concurso de pintura rápida da cidade; ademais de fotografías das pezas máis importantes do Museo (monólito fundacional, máscara teatral, pezas cerámicas...) e de exposicións pasadas.

Tamén comparten diferentes vídeos para dar a coñecer o MIHL, amosando a súa arquitectura, salas e espazos expositivos e as súas particularidades.

O cociñeiro Robin Food, xunto a Paula Mouriz e Iván Caínzos, traballadores do MIHL
O cociñeiro Robin Food, xunto a Paula Mouriz e Iván Caínzos, traballadores do MIHL

Paula Mouriz e Iván Caínzos: «Sorprendeunos a grande aceptación e participación no ConfinArte, xa que nos enviaron máis de sesenta aportacións»

Paula Mouriz e Iván Caínzos puxéronse a traballar desde o inicio do confinamento en diferentes propostas culturais e de lecer para divulgar a través das redes os contidos do MIHL e facer do tempo na casa unha oportunidade de achegar a arte a cultura, de xeito ameno, aos cidadáns. A resposta do público animounos a buscar novas propostas.

Unha das primeiras que lanzaron foi o ConfinArte, unha exposición virtual: «Sorprendeunos a grande aceptación e participación no ConfinArte, xa que nos enviaron máis de sesenta aportacións», explican.

Tamén as «adiviñas» didácticas están tendo moito éxito: «Comezamos co ‘¿Sabías que...?’ e novamente quedamos tan sorprendidos pola participación, que decidimos idear outra iniciativa didácticas, a de ‘¿Onde estamos?’», continúa Paula Mouriz, o que lles permite, «de xeito moi gráfico, e á vez, didáctico, amosar a evolución da nosa cidade ao longo dos últimos anos».

As entrevistas a artistas que comezaron hai pouco baixo o nome CuestionArte tamén están tendo moi boa acollida, con Antonio Murado como primeiro convidado. Mouriz sinala que é unha boa ocasión para achegarse aos artistas: «En ocasións coñecemos os nomes e as obras, pero descoñecemos á persoa que está detrás, a súa faciana, a súa voz... e este pode ser un xeito sinxelo de falar de arte de forma máis persoal».