Encarna Lago: «A arte converteuse nun arsenal terapéutico nesta crise»

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

A Rede Museística Provincial lanzou desde o inicio da corentena propostas culturais e de ocio para «ser útiles»

12 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O confinamento que trouxo consigo a alerta sanitaria polo coronavirus obrigou aos museos a botar o peche de cara ao público. Aínda que, na práctica, foi só un peche parcial, pois a través das redes, das tecnoloxías e da implicación do equipo humano, os museos da Rede Museística Provincial (Museo Provincial de Lugo, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Museo do Mar e Pazo de Tor) abriron fiestras e son case tan accesibles coma antes, ou cando menos sono doutra maneira. De feito, desde o inicio da corentena lanzaron todo tipo de propostas culturais e de ocio: visitas virtuais, obradoiros, retos... Á fronte desta Rede está Encarna Lago, a xerente, que reivindica, máis se cabe nun momento coma este, a importancia das artes nunha sociedade, polo seu valor, pero tamén como garantía da «saúde mental». Para facelo, lanzaron o programa Museal, «a vacina que inmuniza».

-Como organizan a oferta cultural para estes días?

-Somos unha vintena de persoas que desde o minuto un nos puxemos a traballar para ser útiles nestes momentos. Creo que, nesta crise, a arte converteuse nun arsenal terapéutico de creatividade, de maxia e de ilusión. Esta situación está demostrando como as artes, nun momento tan importante, poden axudar. É curioso como as áreas menos valoradas, coma o debuxo, a música ou outras artes son agora o máis valorado para garantir a saúde mental.

-Que actividades propoñen?

-A primeira convocatoria foi a de «Crea o teu museo», dirixida ás familias para que traballen desde a casa, todos os días a través de Zoom. Trátase de que comprendan a importancia dun museo, como centro de recordos, de documentación e de comunicación. Deste xeito, cada neno colle algún obxecto e realiza as súas propias pezas, segundo o tema que se propoña: por exemplo, o retrato. Hai moitas familias implicadas e queremos que cada neno sinta o contacto coa xente do museo. Teñen que investigar, expoñer (debuxos, relatos, vídeos, fotos, audios...) e difundir na plataforma o que van avanzando. Ademais, día a día, sumamos convidados: profesionais dos museos, como o garda de seguridade, ou outros centros museísticos. É unha iniciativa potentísima, coa que estamos creando unha rede de museos en casas, e na que tamén se implican colexios, bibliotecas, Cogami... Tamén puxemos en marcha o Crebacabezas Memory, que pretende asociar os obxectivos de desenvolvemento sustentable con pezas, obras ou partes do Museo. Cada obxectivo (pobreza, saúde, fame, educación...) ten dúas obras asociadas. Por outra banda, temos outras actividades axendadas, incorporando contidos nas redes (hashtag #omuseopechaperoaartesegue), e tamén tecendo redes con outros profesionais que tecen redes, por exemplo, museos. E todo en galego, porque se o perdemos, perdemos a nosa memoria, aínda que cando traballamos con xente de fóra de Galicia, adaptámolo ás outras linguas. Ademais, ofrecemos visitas virtuais, visibilización das exposicións e Musavisitas guiadas dialogadas e virtuais. E cos maiores tamén facemos quedadas. Aínda que non teñan Internet, podemos contactar por teléfono para que nos conten historias, para formar así o álbum de memoria compartida.

-Como están respondendo os lucenses ante estas propostas?

-Estamos creando comunidade e tecido arredor do museo, e iso é moi importante. Porén, nestes momentos tamén se fai máis evidente a brecha, que hai unha Galicia de primeira e outra de segunda, que as conexións non chegan a todos os lugares e que a veces non podemos prestar o servizo porque non xogamos en igualdade de condicións, e iso é moi triste.

-Que lle está aportando esta crise ao persoal dos museos?

-Desta situación estamos aprendendo todos, e vemos que a creatividade é infinita. De feito, estamos documentando todo o que está pasando e o que estamos vivindo, porque iso vainos dar outro escenario. Pero tamén vemos que o valor e a importancia dun museo non se mide polo grande que é, senón pola súa utilidade, polo seu patrimonio humano, coordinado e organizado, e iso témolo na Rede Museística, un persoal con vocación de servizo público. Museal é un grupo humano, un traballo en equipo. Ademais, iniciamos un plan de formación propio para responder mellor ante este novo escenario. E estámolo facendo propoñendo alternativas para todos os públicos; as visitas virtuais, por exemplo, xa se ofrecían antes, pero agora creamos contidos específicos para esta situación. Outros centros ofrecen produtos enlatados e para nós sería moi fácil tirar de arquivo documental, pero imos máis alá.

-Colaboran con outros museos?

-Si, por exemplo, co museo do Prado, o Thyssen, o museo de Arte Africano, museos de Navarra, arxentinos, colombianos... que nos achegan as súas pezas e tamén moitas sorpresas. Nunca a Rede tivo maior sentido. Se podemos facer todo isto, é porque xa hai unha rede previa de colaboradores en todo o mundo.

«A importancia dun museo mídese polo seu patrimonio humano, con vocación de servizo público»

Parte do persoal acode aos museos para garantir a seguridade e a conservación das obras e o espazo

Parte do persoal da Rede Museística Provincial continúa desenvolvendo o seu traballo de forma presencial para garantir a seguridade e a conservación das obras e dos espazos. «Temos uns servizos mínimos», explica Encarna Lago. Por outra banda, o persoal técnico realiza o traballo desde o seu domicilio, segundo explica Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo. Co teletraballo realizan labores sobre proxectos expositivos, informes de traballo... A maiores, desenvólvese toda a parte de actividade didáctica, que é a que están a difundir desde as redes.