O Concello de Lugo ofrece a autónomos e pemes asesoramento gratuíto

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Alcaldesa de Lugo con el edil de Desenvolvemento Rural, Mauricio Repetto
Alcaldesa de Lugo con el edil de Desenvolvemento Rural, Mauricio Repetto CEDIDA

Os empresarios lucenses disporán a parti do día 20 de ferramentas para mellorar o seu negocio

09 abr 2020 . Actualizado a las 16:16 h.

O goberno local, que preside Lara Méndez, anunciou que porá en marcha unha nova iniciativa encamiñada a paliar os efectos da alerta sanitaria, especialmente entre os pequenos comercios e autónomos de Lugo. Trátase dun proxecto pioneiro en España mediante o cal o Concello de Lugo, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), ofrecerá asesoramento gratuíto ás persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas, para minimizar o impacto da crise e facilitar que, unha vez superada a situación actual, saian reforzados.

Así o explicou a alcaldesa, quen subliñou que se están a desenvolver todos os esforzos para mitigar os efectos da pandemia na economía da cidade. «Debemos converter este momento de crise nun de oportunidades, por iso ofrecemos aos empresarios a posibilidade de aproveitar o cese da súa actividade para realizar un valioso traballo de diagnose que lles permita coñecer os puntos débiles e os fortes dos seus negocios para reimpulsalos cando poidan volver abrir».

Neste senso, a área de Desenvolvemento Local, a cargo do edil Mauricio Repetto, deseñou este programa de consolidación empresarial, que será impartido por titores e consultores da EOI de forma desinteresada. Será unha experiencia piloto que durará un mes e medio e que, de ter éxito, se consolidará no tempo. Porase en marcha a partir do día 20 de abril.

Toda a actividade desenvolverase en liña mediante seminarios web de temáticas pensadas para o tecido empresarial lucense e para o momento actual. Están deseñados para apoiar a micropemes e autónomos, ofrecéndolles ferramentas que lles axuden a enfrontarse á situación actual e a reactivar os seus negocios.

As empresas poderán realizar consultas en liña con expertos na materia que, voluntariamente, participan na iniciativa para abordar cuestións tanto técnicas, legais, financeiras, como de márketing, comunicación ou branding. Os seminarios ou webminar impartiranse a través da plataforma e-learning que xa ten en marcha a EOI e o Concello para a formación de emprendedores a través do Inicia Coworking.