Gozar dun festival literario e ir de viños é posible en Lugo

LUGO CIUDAD

Cartel do festival literario
Cartel do festival literario

O mércores 1 celébrase o EscapARTE, cunha vintena de escritores, e este sábado, unha cata virtual

31 mar 2020 . Actualizado a las 13:09 h.

Gozar dun festival literario ou ir de viños é posible en Lugo grazas ao enxeño e ao esforzo de artistas, empresarios, e dinamizadores culturais. Tanto é así que estes días, a pesar da corentena pola crise do coronavirus, están a ofrecer iniciativas tan orixinais e enriquecedoras como encontros con escritores, músicos, catas de viño virtuais ou divulgación da memoria histórica.

Dende a web cultural Viva Lugo, tralo éxito do primeiro EscapARTE Fest, dedicado á música lucense, organizan para o mércores 1 á noite a segunda edición, pero esta vez, literario. O festival musical acadara máis de 9.500 reproducións no Facebook e 14.250 no Instagram, e contou con 25 colaboracións musicais de artistas e grupos de Lugo. Nesta ocasión, participan escritoras, escritores, xente do teatro, do cine, das librarías, artistas diversos, bookworms e amantes da literatura en xeral, de Lugo. A cita terá lugar o mércores 1 ás 21.00 horas nas redes de Viva Lugo (Facebook, Instagram e Youtube), que ofrecerán contos, poesías, relatos «e outras aventuras literarias da súa autoría ou de referentes que teñan na súa vida». Onte estaba confirmada a participación de Abraham Pérez, Ánxela Gracián, Abril Irigaray, Alma Selene, Carmen Conde, Gema López, Jordi Cicely, Lois Pérez, Madaly, María Roja, Minerva Varela, Pablo Veiga, Pepe Saavedra, Randi Estrago, Soledad Gil, Toño Núñez, Xerardo Quintiá, Xiana Arias e Berio Molina. O obxectivo desta segunda parte do festival é, segundo explican desde Viva Lugo, «axudar á xente a seguir no seu confinamento dun xeito máis ameno, viaxando sen saír dos seus fogares polos mundos da arte e a cultura, seguir mantendo viva a revolución cultural lucense que estábamos -e estamos- a vivir en Lugo desbordando creatividade en todos os ámbitos: música, letras, pintura, teatro, danza… e recoñecer a importancia da arte e a cultura, do sector cultural, antes, durante e despois desta crise sanitaria».

Tamén continúan as alternativas de ocio esta fin de semana. A empresa lucense EnVinissi, dedicada ao mundo do viño en todas as súas vertentes (catas, divulgación, venda...) organizou unha cata virtual para este sábado, día 4. Para os que se anoten a esta experiencia, recibirán na súa casa (cidade de Lugo) dúas botellas de viño (albariño e mencía), e a partir das 20.30 horas, a través da plataforma Zoom «nos reiremos un rato, cataremos y disfrutaremos de una experiencia totalmente diferente», explican desde EnVinissi. É unha nova forma de «ir de vinos y de disfrutar de la noche del sábado de manera diferente», continúan. Tamén enfatizan que nas entregas manteranse todas as medidas de seguridade requiridas. A inscrición custa 30 euros.

Memoria colectiva

Outra das iniciativas que estes días está tendo moito éxito a través das redes sociais é a que puxo en marcha Guido Guía, o Lugo Favorito, que busca animar aos cidadáns a que compartan cales son os seus lugares (ou recordos) favoritos de Lugo. Trátase de escribir en redes, ou en papel (e logo facerlle unha foto aos escritos) para contalo, sen fotografías, e utilizando o hashtag #LugoFavorito: «Son estes días para viaxar polos nosos recordos, e tamén días para voar coa nosa imaxinación a eses lugares ós que iremos en canto todo isto pase. Un bo momento para facer memoria colectiva e tamén para poñer en valor as belezas e riquezas da nosa cidade», explica Guido Álvarez. A iniciativa está tendo tan boa acollida -nos primeiros sete días xa reunira máis dun cento de escritos- que o guía xa está pensando en organizar, para «cando todo pase» unha exposición cos textos participantes, un paseo polos lugares elixidos e, «por que non?, editar un libro» para «seguir construíndo a memoria colectiva».