O PP acusa ao goberno de Lugo de montar un desguace
e un vertedoiro de residuos nunha finca municipal

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

CEDIDA

Critica que non se tomen medidas de seguridade, cando a un particular ou empresa si se lles obriga

09 mar 2020 . Actualizado a las 20:05 h.

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvela a situación que se pode comprobar no Polígono de O Ceao,«onde o bigoberno aproveita unha parcela municipal para depositar todo tipo de residuos, sen poñer ningún tipo de medida de seguridade para garantir que eses produtos que poden ser, nalgúns casos, altamente contaminantes, non afectan ao medio ambiente».

Ameijide explica que se trata dunha parcela situada na rúa dos Carros e na que o goberno local depositou todo tipo de vehículos (retirados pola grúa municipal), farois, o céspede artificial que hai varios meses se retirou dos campos de fútbol municipais e ata a caseta do punto de información turística que había na Praza da Constitución.

Este tipo de residuos, como os vehículos retirados da vía pública, sinalan desde o PP «deben ser almacenados en lugares que cumpran unha serie de requisitos xa que se consideran residuos altamente contaminantes». Por exemplo, entre os requisitos esixidos para almacenar vehículos se atopan: Zona cuberta e dotada de pavimento impermeable, como mínimo, para os depósitos de residuos perigosos; depósitos adecuados para almacenar separadamente os fluídos que deben extraerse dos vehículos (combustible, aceite de motor, aceite de caixas de cambio, aceite de transmisión, aceite hidráulico, líquidos de refrixeración... e calquera outro fluído do vehículo); contedores adecuados para almacenar as baterías (con material para a neutralización do electrolito alí mesmo ou en sitio próximo para casos de accidente), filtros de aceite, filtros de combustible así como calquera outro residuo perigoso que se poida xerar no proceso de descontaminación; zona apropiada para almacenar pneumáticos fóra de uso que inclúa medidas contra incendios e prevención de riscos derivados de almacenamentos excesivos; recoméndase contar cun sistema de protección contra incendios.

Antes esta situación, o edil popular explica que «era algo que non podiamos imaxinar», xa que o Concello de Lugo esixe unha serie de requisitos para calquer emprendedor ou empresario «pero resulta que a propia administración elude cumprir esa mesma normativa».

Ademais, nesta parcela están depositados os rolos de céspede artificial que se retiraron dos campus de fútbol no verán de 2018. Materiais, sinalan os populares, que se deixaron directamente sobre a terra, sen ningún tipo de protección nin medida preventiva, «en lugar de levalos a un xestor de residuos», a pesares e que o céspede artificial é un produto tóxico para o medio ambiente, xa que ao estar fabricado con caucho de pneumático e outros materiais perigosos, «que coas choivas e a erosión, sofren un proceso de fragmentación e aos poucos vanse desprendendo microplásticos, os cales son nocivos para o chan e as augas subterráneas circundantes».