Balseiro defende o Parador ante os empresarios de Lugo

La Voz

LUGO CIUDAD

Sinala que a xornada de reivindicación do día 14 debería ser contra o Concello, propietario do edificio

28 feb 2020 . Actualizado a las 17:13 h.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo este venres unha xuntanza con representantes da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), ante os que sostivo que a proposta da Consellería de Cultura e Turismo para o cuartel de San Fernando «é a única que está avalada por un estudo de viabilidade». Na reunión participou o secretario xeral da organización, Jaime López, entre outros. Balseiro asegurou que o plan integral para o impulso do turismo cultural que promove o Goberno galego en Lugo é «un proxecto xerador de riqueza» e lembrou que o informe prevé que o parador museo crearía un mínimo de 30 empregos directos «e tería un claro efecto multiplicador no comercio e na hostalería da cidade».

Neste sentido, insistiu en que «os axentes sociais e a cidadanía deben saber que non é necesario elixir entre parador e museo cando podemos ter ambos recursos» e invitou a «ser ambiciosos nesta aposta de futuro, porque a cidade así o está a reclamar. Proliferan os locais baleiros, e o peche de negocios está a deixar ao comercio e á economía local nunha situación que temos a obriga de reverter».

Balseiro explicoulles aos empresarios que parador no cuartel de San Fernando axudaría a internacionalizar Lugo como destino turístico, ampliando o público potencial da cidade sen xerar unha competencia directa con outro tipo de establecementos. Ademais da zona de aloxamento e restauración, e do espazo museístico, acollería outros eventos que complementarían a oferta de actos culturais e sociais da capital.

Balseiro lembrou que «o Concello pode converter todo o cuartel en museo porque se trata dun edificio da súa titularidade, así que os que optan por esta proposta restritiva deberían presionar ao propio concello para que a leve adiante». Tendo en conta esta circunstancia, engadiu, «entendo que a xornada reivindicativa anunciada para o día 14 debería ter como destinatario da mensaxe ao Concello».

Pero se apelan reiteradamente á concorrencia da Xunta, afirmou o delegado, «deberán deixarnos opinar. Son investimentos que pagan todos os galegos e hai que xestionalos con sensatez, aprendendo de experiencias fallidas como o MIHL».

Neste sentido, sinalou que existe un compromiso orzamentario firme do Goberno galego para asumir o 50% do custo do parador, estimado en 10,8 millóns de euros. Igualmente, a Xunta vai rehabilitar o pazo de Dona Urraca e a Casa Torre, proxectos xa contemplados de antemán que asume integramente o Goberno galego.

A inclusión destes inmobles do barrio da Tinería no plan integral de turismo da Consellería de Cultura permitiría axustar, sinalan desde a Xunta, correctamente os proxectos aos usos previstos. Así, o pazo de Dona Urraca acollería a primeira sede do Centro Galego de Arte Contemporánea fóra de Santiago de Compostela, e a Casa Torre albergaría a oficina de turismo da Xunta e un centro vinculado ao turismo enogastronómico, ademais de ser sede da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo.