O BNG de Outeiro de Rei pide á Deputación a creación dunha ruta verde entre as urbanizacións de Guillar e Martul

Lugo / La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

Manifesta que hai moitos usuarios que teñen que correr e pasear pola estrada porque non hai beirarrúas

21 feb 2020 . Actualizado a las 20:22 h.

O BNG de Outeiro de Rei presentará no próximo pleno unha moción na que solicita ao goberno da Deputación de Lugo a creación dunha ruta verde entre as urbanizacións de Guillar e o núcleo rural de Martul, ao longo da estrada de titularidade provincial LU-P-3908.

O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, explicou que se trata dunha actuación fundamental porque se trata dun treito na que se poden ver moitas persoas ao longo do ano, paseando ou facendo deporte e que teñen que facelo pola propia estrada porque non existen beirarrúas ou arcéns polos que poder desprazarse e tampouco camiños alternativos paralelos á propia estrada onde facer este tipo de actividades. "A existencia dunha ruta verde, un carril separado da estrada polo que poidan circular as persoas a pé ou facendo deporte así como as propias bicicletas, faise case imprescindible e daría un importante valor engadido a unha zona que conta con grandes atractivos como Marcelle Natureza, o Caneiro do Piago ou o propio núcleo de Martul", manifestou Xosé Ferreiro.

A moción tamén demanda a creación de áreas de descanso con bancos e demais mobiliario xa que moitas das persoas que pasean pola zona son persoas maiores que usarían esta ruta como lugar de paseo e de relación social con outros veciños. "Nos últimos tempo vimos como a Deputación inviste fondos que construír vías verdes ou carrís para bicicletas en varias zonas da provincia, incluíndo varias actuacións deste tipo no propio concello de Lugo, carrís que teñen os mesmos obxectivos que aquí perseguimos, polo que parece bastante coherente solicitar que neste transitado tramo de estrada da súa propiedade actúe do mesmo xeito", concluíu Xose Ferreiro.