«A enfermería é a gran descoñecida»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

L. GARCÍA

A Academia Galega de Enfermería quere que a sociedade coñeza todas as facetas da súa profesión

19 feb 2020 . Actualizado a las 19:47 h.

Aínda que a súa data oficial de nacemento se retrotrae ao 2012, foi no último ano cando a Academia Galega de Enfermería colleu pulo. Fíxoo da man dun grupo de enfermeiros que tiñan claro que era necesario conquistar dous retos: por unha parte impulsar e amparar o coñecemento científico que é inherente á súa profesión, e por outro conseguir que a sociedade, ao fin, coñeza realmente cal é a función da enfermería.

«A enfermería é a gran descoñecida», sentencia Isidoro Rodríguez, presidente da Academia. Ao longo de moitos anos de profesión tanto el como moitos compañeiros detectaron que a pesar de que o seu traballo é amplamente apreciado pola sociedade, non sempre se coñece ata onde chegan as súas funcións. «La sociedad nos ve con cierta ambigüedad», debulla Lourdes Bermello, tesoureira da Academia, «por un lado en las encuestas de satisfacción siempre estamos en un nivel muy alto en cuanto a cuidados, pero cuando se pregunta a la gente qué hace el enfermero, posiblemente la respuesta no es la que nos gustaría escuchar».

A nivel práctico os profesionais da enfermería perciben que os usuarios da sanidade teñen plena confianza neles, pero por outro decátanse de que os pacientes non teñen claro ata onde van as súas competencias e a miúdo preguntan aos doutores sobre temas de coidados, a materia na que están especializados os enfermeiros.

Cando analizan estas cuestións en profundidade, os enfermeiros non botan balóns fóra, senón que asumen que parte do motivo dese descoñecemento é seu. «El profesional tiene que asumir su responsabilidad dentro de sus competencias, es uno de los retos que tenemos», subliña Bermello. Aposta por que os enfermeiros asuman todas as súas competencias no sentido máis amplo, xa que entenden que só así conseguirán que a sociedade teña unha imaxe real da profesión.

Recoñecemento exterior

Máis aló do recoñecemento que a sociedade poida ter do traballo da enfermería, o certo é que os profesionais galegos e españois están considerados entre os mellores a nivel internacional. «Si salimos de España, podría decirse que la profesión de enfermería es una marca en sí misma», explica Bermello, que lembra que o sector está entre os dez mellores de todo o mundo e que a miúdo son demandados noutros países. Esa é a realidade dunha profesión que loita cada día por ser mellor.

Impulsar a investigación científica, un dos obxectivos

A vertente científica é o outro piar que sustenta a labor da Academia Galega de Enfermería, e tamén unha parte na que pouco se repara. «Neste tempo decatámonos de que hai un gran interese científico do que non eramos conscientes», recoñece Isidoro Rodríguez, que considera que a Academia debe empurrar aos profesionais a que desenvolvan esa tarefa. «Na profesión hai funcións, como pode ser a asistencial ou a docente, que son máis coñecidas, mentres que a función investigadora non o é tanto a pesar de que o campo dos coidados é amplísimo», abunda.

Neste sentido, lembran dende o colectivo que practicamente todo o seu traballo é susceptible de ter unha visión analítica. «Temos que dar un toque científico ao cotiá, hai que ter ese coñecemento científico», recomenda o presidente da Academia Galega, que pon por exemplo que no programa de investigación do peixe cebra tamén teñen cabida profesionais da enfermería.

A pesar de que o colectivo só leva un ano a pleno rendemento, neste tempo xa impulsou dúas publicacións científicas e contactou con asociacións de usuarios, cos que queren colaborar estreitamente. A folla de ruta está marcada, e achegarse á sociedade é un dos seus obxectivos. Así o expuxeron onte nun encontro organizado pola Asociación da Prensa de Lugo co obxectivo de dar a coñecer a labor que desenvolven dende a academia. Trátase de achegar á sociedade a profesión en conxunto.