Lugo Monumental repartirá 1.000 euros en premios á mellor animación de rúa no Entroido

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

cedida

O prazo de inscrición finaliza o día 21 deste mes, ás  23.59 horas

13 feb 2020 . Actualizado a las 10:53 h.

A asociación Lugo Monumental convoca o VIII Premio Lugo Monumental de Animación na rúa que terá lugar entre os días 22 e 25 de febreiro coa colaboración dos locais do centro histórico.

O premio está pensado para atraer ao centro ás cuadrillas que celebran o Entroido e tal e como recollen as bases do premio, entenderase como animación calquera actividade que as agrupacións consideren oportuna (música, teatro, monólogos, maxia, xogos infantís...) e que contribúa a crear diversión e ambiente no centro de Lugo. Teranse en conta as mellores cancións, disfraces e presentacións, pero o que máis pesará será a animación na rúa.

Para optar ao premio os participantes deberán enviar un correo electrónico ao enderezo asociacion@lugomonumental.es ou unha mensaxe de Whatsapp ao número 644 637 444 cos seguintes datos: nome do grupo, número de participantes e descrición da animación, nome dunha persoa de contacto, teléfono e enderezo electrónico.

O prazo de inscripción finaliza o día 21 deste mes, ás 23.59 da noite e é gratuita. Cada agrupación designará a un representante, que será o único interlocutor válido coa Organización para todos os efectos. En caso de resultar premiada, a agrupación faculta expresamente ao representante para recoller o premio obtido.

Os premios son vales con distintos valores: o primeiro, 600 euros; o segundo, 300 e o terceiro, 100. Os premios entregaranse en vales de 50 euros trocables nas empresas asociadas a Lugo Monumental.

Os locais participantes participarán na votación, polo que os grupos deben animar as zonas onde están.