«Imos beneficiarnos das promesa que o goberno fixo a Teruel Existe»

A plataforma Galicia Baleira ten a turolenses e Soria Ya como referentes á hora de marcar as súas estratexias


lugo / la voz

Leva pouco tempo en marcha, pero a plataforma Galicia Baleira ten moi claros cales son os seus obxectivos e tamén cal é o camiño que debe seguir. Dende o primeiro instante viu nitidamente que o seu modelo a reproducir son dous colectivos asentados e recoñecidos en toda España, Teruel Existe e Soria Ya. Dúas plataformas cunha ampla traxectoria ás súas costas e das que queren aprender á hora de pelexar contra a desertización poboacional da Galicia interior e a súa falta de servizos.

«Impactábanos o que estaba facendo Teruel Existe. Porque aquela é unha provincia pequena, un sitio cunha climatoloxía e unha orografía complicadas, pero eran capaces de conseguir o que nós non lograbamos, trasladar as súas mensaxes ao resto do mundo», explican desde Galicia Baleira. «Eles engancharon á cidadanía, e esa é a primeira realidade da España vaciada».

E algo semellante sucede con Soria Ya. Unha provincia que vía como ano tras ano «nos orzamentos aparecían as mesmas historias, pero á hora da verdade as grandes talladas ían para as zonas costeiras. O interior sempre foi o gran prexudicado», describe Jesús Vázquez, presidente da plataforma que une os intereses de Lugo e Ourense.

A base de mobilizacións, de lograr que a cidadanía se vise representada nas súas demandas, as dúas plataformas foron medrando e gañándose o respecto da sociedade. No caso de Teruel, chegou un momento no que viron que a única vía que se abría ante eles era concorrer ás urnas, e deron o paso. A conxuntura quixo que o seu deputado, Tomás Guitarte, tivese un papel relevante á hora de configurarse o goberno, de xeito que Teruel logrou compromisos dos que tamén a Galicia vaciada se beneficiará.

«En Teruel Existe foron adoptando diversas medidas, peticións, reunións, manifestos, concentracións. E non lles quedou máis remedio ca presentarse ás eleccións. Nós agora imos beneficiarnos das promesas que o goberno central lles fixo a eles, como que non pechen estacións de ferrocarril na provincia, como pode ser a de Sarria», apuntan dende Galicia Baleira.

Cando se cuestiona se a plataforma do interior galego seguirá tamén ese camiño cara as urnas, a resposta é non, pero condicionado. «Non o temos pensado, pero recoñecemos que cando tes un deputado podes conseguir ser árbitro. Quizais a nós xa nos pilla maiores, ou quizais é que temos que queimar primeiro moitas etapas. Nós confiamos en conseguir obxectivos sen ter que dar ese paso», expican.

O que tamén teñen claro é que se o sucedido con movementos como Teruel Existe se reeditara noutras moitas provincias, o panorama viraría substancialmente. «Que sucedería se en España houbese quince Teruel Existe? Se a España vaciada tivese dez deputados, máis có PNV ou Puigdemont?».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Imos beneficiarnos das promesa que o goberno fixo a Teruel Existe»