O Concello repara o pavimento de varias rúas de Lugo

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A Brigada de Obras traballa en varios puntos da cidade

08 feb 2020 . Actualizado a las 12:04 h.

O tenente de Alcalde de Lugo e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, deu conta das reparacións que durante os últimos días se estiveron levando a cabo no concello. «Nesta semana realizáronse traballos nas rúas San Lázaro, Río Eo, Alexandre Bóveda e Luís Seoane», indicou Rubén Arroxo.

A reparación do pavimento que se iniciou nesta semana na zona da Fonte dos Ranchos, rúa Quiroga e avenida de Breogán continuará por outros barrios da cidade. «En poucos días continuarán as actuacións do suplemento de crédito de 2019, para as cales hai orzamentados 500.000 euros, aos que hai que sumar outros 500.000 dos orzamentos», indicou Rubén Arroxo, que engadiu: «Dende a área de Mobilidade e Infraestruturas traballamos para realizar as intervencións no menor prazo posíbel». Rubén Arroxo puntualizou que «temos que ter en conta a climatoloxía, debido ás características dos materiais utilizados, resulta imposíbel asfaltar con temperaturas por debaixo de 8ºC ou con choiva».