O Concello de Lugo dignificará a tumba esquecida de Xoán Montes

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Pedirá colaboración ao Museo Provincial para ver cómo se podería recuperar a lápida e iniciará un procedemento legal para poder intervir na tumba, que é privada

25 ene 2020 . Actualizado a las 17:14 h.

A lápida de Xoán Montes recuperará parte do seu lustre e o enterramento do compositor lucense será dignificado. Esa é a intención do Concello de Lugo, que anunciou que xa está estudando a restauración da tumba do músico, se ben o proceso pode ser longo.

Explican dende a área nacionalista, responsable de cemiterio e cultura, que a idea é buscar un acordo ou convenio co Museo Provincial para que os seus técnicos estuden o estado da lápida de Montes e valoren cal sería a mellor fórmula para recuperala. Teñen claro no Concello que debería ser unha intervención respectuosa coa lápida actual, que é a orixinal baixo a que se soterrou no seu día ao compositor, e que a día de hoxe permanece esquecida, ennegrecida e escachada no cemiterio de San Froilán.

Pero recuperar esta parte da memoria do xenial músico lucense implica tamén trámites burocráticos. E complexos. Montes foi inhumado no antigo camposanto que había onde hoxe está o Gran Hotel. No ano 48, sen embargo, foi trasladado ao cemiterio de San Froilán e presuponse que foi nese movemento cando a lápida de mármore se rompeu.

Nese intre un familiar do músico contratou unha concesión por 99 anos no novo camposanto, pero o seu descendente, José María Varela Montes, que se supón seu sobriño, tamén finou nos anos sesenta e na actualidade no expediente do cemiterio non hai outro contacto nin familia recoñecida.

ALBERTO LÓPEZ

Ante este tipo de situacións existen procedementos legais para intervir sobre o enterramento, pero leva o seu tempo porque a día de hoxe esa lápida seguiría sendo privada, aínda que todo indica que esa vía de parentesco se esgotou.

Unha vez que se percorra o camiño da análise da lápida, da decisión sobre como debe ser a súa restauración, e o Concello asuma dalgún xeito a responsabilidade sobre o enterramento, quedará outra cuestión por decidir: mantense a tumba de Montes na súa ubicación actual ou búscase unha alternativa? Dende a área nacionalista consideran que esta non debe ser unha decisión política e que o máis lóxico sería consultar cos colectivos que defenden a memoria do músico, con historiadores e bos coñecedores do mundo artístico cal sería o mellor xeito de honrar ao compositor. Se ben mantendo a súa tumba onde leva 72 anos repousando, ou buscando un novo sitio onde se siga dignificando a súa figura. Lugo quere honrar como merece ao que foi o seu músico máis ilustre.

 
ALBERTO LÓPEZ

O PP propón acondicionar unha zona verde para a instalación da tumba do músico

«Hai que dignificar os restos deste gran compositor no camposanto de Lugo», defende a concelleira do Partido Popular Beatriz Vázquez, que demandou ao goberno local que tome medidas para recuperar a tumba do músico, xa que consideran que o estado de mantemento é patético e non se corresponde á trascendencia do compositor.

Os populares propoñen algo máis que o arranxo da lápida orixinal. «Podería acondicionarse un espazo na zona verde do camposanto que permita nun futuro servir como escenario de pequenos concertos», explica a concelleira. Demandan así mesmo «identificar axeitadamente esta lápida cunha placa de metacrilato que lembre o nome de Xoán Montes e a súa grande obra como compositor destacando que puxo a música ao poema de Rosalía ‘Negra sombra'».

O Partido Popular de Lugo tamén apunta noutra dirección. «O que non comprendemos dende o Partido Popular é que un goberno que di ter gran sensibilidade pola cultura galega amose, tanto no tour virtual do cemiterio como no tour presencial, ofreza unha vista tan desoladora do lugar onde xace un autor coñecido a nivel mundial como é Xoán Montes», indica a concelleira García.

Ciudadanos pide que a memoria de Montes non se reduza ao busto e á lápida

O grupo municipal de Ciudadanos en Lugo considera a Xoán Montes como «uno de los personajes de los que más orgullosos nos podemos sentir los lucenses». Partindo desta premisa, apuntan que «no entendemos que desde el gobierno local no se otorgue a esta figura el reconocimiento que se merece. Resulta penoso ver el estado de la lapida bajo la que se encuentran los restos de este gran compositor. El gobierno local debe actuar en este asunto, pero su labor no debería concluir ahí. La memoria de Juan Montes no se puede reducir a la restauración de un busto, debe ir más allá». Para elo, propoñen que o Concello «trabajar activamente para poner en valor su legado a través de la divulgación cultural de su obra y la puesta en valor de su aportación intelectual y el espacio de su memoria».

«Hai quen pensa que Xoán Montes é unha rúa, un instituto e un conservatorio, e iso entristécenos»

Recuperar a lápida da tumba de Xoán Montes non debe ser unha meta, senón unha parada máis dentro da dignificación e difusión da súa figura. Así o entenden membros da sociedade lucense vencellados ao mundo da música e da cultura que reclaman a reivindicación do compositor.

«Xoán Montes é posiblemente o lucense máis senlleiro e non está suficientemente recoñecido. Hai quen pensa que Xoán Montes é unha rúa, un instituto e un conservatorio, pero non coñecen realmente quen foi nin a súa trascendencia. Iso entristécenos», sinala Manuel Buján, do Orfeón Xoán Montes, un dos colectivos que leva anos defendendo a súa memoria, interpretando as súas pezas e tamén loitando para que se trasladara o seu busto á Praza Maior, algo que sucederá o vindeiro mes.

«Por mucho que se haga, poco me parece», resume Rosendo Ivarra, que foi director da banda municipal de Lugo, no seu día dirixida polo propio Montes. «Fue un ilustre compositor y me satisfaría que se le reconociera más. Hizo mucho por Lugo y no se le valora», lamenta. Ademais, no plano musical lembra que as súas creacións -máis aló da «Negra sombra»- superaron épocas e fronteiras e que, por exemplo, a banda municipal de Madrid tenas interpretado.

No Museo Provincial gárdanse algúns dos obxectos que Montes tivo en vida e outros, como a súa batuta, atópanse no Museo Catedralicio. Pero, pouco a pouco, a figura de Montes parece que se recuperará. O traslado do seu busto á Praza Maior é un paso que colectivos lucenses levaban tempo reclamando e que se converterá en realidade moi pronto, e o seguinte paso será a dignificación da súa tumba. «No seu momento mesmo valoramos impulsar unha suscrición popular para o arranxo da lápida, como no seu día sucedera co busto», explica Buján. Isto, sen embargo, non será necesario. A cidade quere honrar ao seu músico.

Os Latorre, vencellados á familia do músico

Aínda que Xoán Montes Capón, que finou no ano 1899, non tivo descendencia, si tivo sobriños e outros parentes, se ben a día de hoxe quen coñece ben a historia do músico non ten constancia de ningún descendente directo. Do que si se ten certeza é de que a familia Latorre ten vencellos familiares co músico por parte dos Capón. Neste sentido, algúns dos seus membros amosan o seu apoio á rehabilitación da lápida de Montes.