O gran compositor, nunha tumba esquecida

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Unha lápida rota e ennegrecida garda a memoria do músico lucense Xoán Montes no cemiterio de San Froilán

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha humilde lápida de mármore ennegrecida polo paso do tempo e esnaquizada, na que apenas se distinguen os nomes, serve de sepultura a un dos máis grandes compositores galegos de todos os tempos. O máis grande, defenden algúns. Atópase no cemiterio de San Froilán, nunha ringleira calquera, sen indicación algunha. Descansando sobre unha sinxela cama de area, sen flor que a engalane nin placa que a honre. Como unha tumba esquecida baixo a que descansa o recordo -que probablemente non os ósos- do xenio que foi capaz de musicar a melancolía de Rosalía e de facer eterna a «Negra Sombra». O home ao que, alá polas postrimerías do século XIX, Lugo enteiro lle foi ao enterro.

A historia de Xoán Montes (Lugo, 1840-1899) é a dun lucense humilde cun don especial para a música e a composición. Estaba dotado de inspiración e capacidade melódica. E desa paixón morriñenta e discreta que define aos máis grandes. Con nove anos ingresou no seminario. Cursou materias como latinidade ou filosofía e alí entrou en contacto cunha instrución moi básica en materia musical. Suficiente para el. Para comprender que era o que quería facer e que debía seguir formándose pola súa conta. O seu sino era facer música e tamén interpretala.

Montes foi pianista no Círculo das Artes e no Casino de Caballeros. Fundou e dirixiu formacións como a banda municipal e o orfeón lucense. Dedicou anos da súa vida a interpretar e compoñer música sacra, e a última década da súa existencia, quizais imbuído do espírito galeguista que o rodeaba, decantouse pola composición de temas galegos. Musicou a Rosalía en pezas tan máxicas como a «Negra Sombra» ou o «Doce sono» -nun concurso, esta quedou gañadora e a mítica «Negra sombra» logrou o accésit- e fíxose merecente do respecto e a admiración do Lugo da época. Dende os estratos máis elevados da sociedade aos máis humildes.

ALBERTO LÓPEZ

«Repasando a prensa da época ves como os xornais recollían con maior importancia a morte de Xoán Montes que a de Alfonso XII. Na cidade era reverenciado, non atopei a ninguén que tivese tantos afectos», conta Fernando Gómez Jácome, director do orfeón Solo Voces e gran coñecedor da figura do compositor.

Recollían as crónicas da época que «todo Lugo estuvo allí» en referencia ao seu enterro. Déronlle sepultura no camposanto que por entón había onde hoxe está o Gran Hotel, e nos anos corenta, cando entrou en funcionamento o cemiterio de San Froilán, foi trasladado a el. Suponse que puido ser nese momento cando a lápida na que aparece o seu nome e o de catro membros máis da súa familia se rompeu. E ata hoxe.

Un século máis tarde, a súa tumba languidece no cemiterio municipal mentres o seu busto se prepara, agora si, para ser trasladado e honrado na Praza Maior da cidade. Un lugar de prestixio para un erudito da partitura co que, probablemente, a historia ten unha débeda. Xoán Montes foi o gran compositor galego dende o Rexurdimento.

ALBERTO LÓPEZ

 O monumento que ía ser estatua e quedou en busto

O 24 de xuño de 1899 falecía en Lugo Xoán Montes, e o día 25, no Círculo das Artes, organizábase unha xuntanza na que veciños da cidade debatían cómo honrar a súa memoria. Esa era a pegada que o músico deixaba na cidade, que nada máis despedilo reclamaba para o seu fillo un mausoleo, unha rúa e unha estatua.

A estatua, que hoxe pode parecer un fito máis, era daquelas algo extraordinario. Conta Fernando Gómez Jácome que daquelas en Lugo as únicas que había eran as relixiosas e que a do músico ía ser a primeira laica.

Cando chegou a Santiago a noticia de que os lucenses querían honrar ao seu compositor, xente como Alfredo Brañas e Salvador Cabeza de León, nomes propios do Rexionalismo, bendeciron e impulsaron o proxecto. Para reunir fondos para o monumento impulsouse unha suscripción popular na que xente de toda condición puxo o seu grao de area. Organizáronse veladas artísticas mesmo en La Habana e Buenos Aires, pero co falecemento de Brañas no 1900 o movemento a prol da estatua de Montes foise apagando. Foi a prensa da época, a base de presionar, a que forzou para que a figura en memoria do músico lucense se convertese en realidade.

Pero o proxecto de estatua que o escultor Eugenio Duque fixera estaba taxado nunhas 5.000 pesetas e a recadación rondaba as 4.000. Chegaron entón a un acordo, e o que ía ser unha estatua quedou nun busto. Busto que, 117 anos despois da súa creación, se prepara para atopar na Praza Maior de Lugo a súa ubicación definitiva logo de peregrinar por Santo Domingo e San Roque.

«Debería facerse algo que dignifique a figura de Montes»

Fernando Gómez Jácome, director da formación lucense Solo Voces, é un apaixoado da música e da figura de Xoán Montes. É quen de narrar de xeito claro, ameno e didáctico a vida e obra da maior figura musical de Lugo.

 -A miúdo se asocia a Montes con «Negra Sombra», pero hai máis.

-Si, moito máis. Xoán Montes é, sen dúbida, o mellor compositor galego do século XIX e de principios do XX, e só a historia dirá se tamén do XXI, porque aínda nos falta perspectiva.

-Considera que ten o suficiente coñecemento e recoñecemento?

-Vaino recoñecendo todo o mundo, pero o coñecemento da súa música non está tan estendido. O noso coro probablemente é a formación que máis música del interpreta, non o fai moita xente.

-Que era o que o distinguía?

-Seguramente a inspiración e a capacidade melódica. Tiña un talento indubidable, á altura de calquera músico europeo, a pesar de que a súa formación musical fora básica no seminario. Pero tiña moitísima capacidade de aprendizaxe por si mesmo.

-Hai moitas figuras senlleiras que non logran o recoñecemento en vida. No seu caso, sucedeu?

-Si, foi recoñecido en vida e moitos musicólogos da época falaban del. É certo que nalgunha publicación chamábano ‘el simpático bardo gallego’, cun algo de menosprezo pola melancolía que transmitían as súas pezas. Pero na cidade era reverenciado.

-Considérase a Montes un xenio da música galega, pero a súa lápida semella esquecida no cemiterio. O seu sitio estaría no panteón de galegos ilustres?

-No panteón non porque non hai restos, pero si era merecente de que se adecuara a súa tumba. Ves a da Leonor de Machado en Soria, a de Pascual Veiga en Mondoñedo, a de Gustavo Freire... Debería facerse algo que o dignifique. Nós, no 2011 organizamos unha semana de xornadas con concertos dos diferentes campos que tocou e fixemos no museo unha exposición con paneis sobre a súa biografía e obra. Tamén había un vídeo no que se ía preguntando á xente que sabía del. A maioría dicía que era o compositor de «Negra Sombra» e había quen nin o coñecía.