Cuestión de prezos

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO CIUDAD

15 ene 2020 . Actualizado a las 08:24 h.

Rubén Arroxo, tenente de alcalde do Concello, vén de anunciar o mantemento dos prezos do bonobús, acto que aproveitou para sinalar que Lugo é a «cidade do Estado co bonobús máis barato». O transporte público debería converterse, nos vindeiros anos, nun dos eixos centrais das políticas municipais, facilitando, así, a mobilidade sostible do conxunto da poboación, especialmente das persoas economicamente máis vulnerables.

Arroxo ten razón. Mais cómpre non esquecermos que, se temos os prezos de bonobús máis baratos do estado (e seguramente tamén os prezos máis baratos en moitos outros aspectos de consumo) é, en grande medida, porque tamén contamos cunha das menores rendas per cápita.

Por iso, tamén, máis alá do bonobús, reflexionabamos nas últimas semanas sobre o tren e os seus problemas ao seu paso por Lugo; e por iso nos preocupan, inevitablemente, as nosas comunicacións por estrada, comezando por esa autovía que unirá Lugo con Santiago e que se adía no tempo. Esta arteria, que malia os treitos inaugurados aínda esixe para chegar a Compostela preto de hora e media, non é só o noso nexo coa capital, senón tamén co aeroporto, polo que constitúe unha vía esencial para a comunicación e a economía lucenses. E, por suposto, tamén temos que falar, logo de facer unha parada obrigada na peaxe, da AP-9, a columna vertebral de Galicia, que, lonxe de ser a máis barata do Estado, nos coloca nunha situación de clara desvantaxe e agravio.

Grazas sen dúbida á nova conxuntura política, estase a falar moito nos últimos días da AP-9. Que os intereses galegos teñan unha voz propia nos foros de discusión e decisión é fundamental.

A posición periférica dentro do Estado e as deficientes infraestruturas lastraron o desenvolvemento económico e social de Galicia. Unha vez máis, estamos chegando tarde ás grandes vías de comunicación e non podemos permitir que a historia se repita.