Queda un mes para adaptar as antenas colectivas de TDT en 58 concellos de Lugo

Lugo

LUGO CIUDAD

cedida

Os administradores de fincas ou presidentes de comunidades de propietarios deben contactar cunha empresa instaladora rexistrada

15 ene 2020 . Actualizado a las 21:33 h.

A subdelegada do Goberno presidiu unha xuntanza convocada pola Secretaría de Estado para o Avance Dixital (SEAD) sobre o proceso de liberación do segundo dividendo dixital. A reunión serviu para avaliar a marcha do proceso de implantación do segundo dividendo dixital que entra na súa fase decisiva coa conta atrás para o cambio de frecuencias da televisión dixital terrestre (TDT) na provincia de Lugo. 

A partir do próximo 11 de febreiro, algunhas canles estatais e autonómicas deixarán de emitir a través das súas antigas frecuencias en 58 municipios de Lugo, incluída a capital. Só no 15,7% dos aproximadamente 8.300 edificios comunitarios de tamaño mediano e grande da provincia (que deben adaptar a súa instalación de antena colectiva) realizouse esta adaptación. Este axuste é necesario para poder seguir vendo as canles nas novas frecuencias destinadas para eles.

Polo tanto, os administradores de fincas ou os presidentes de comunidades de todos aqueles edificios que non realizasen aínda estas adaptacións deben contactar canto antes cunha empresa instaladora rexistrada. Recoméndase sempre solicitar varios orzamentos. No caso de que nun edificio ou vivenda non se realice a adaptación necesaria antes da data límite indicada, os cidadáns poderán deixar de ver algunhas canles. A recepción recuperaríase unha vez se acometan os devanditos axustes.

Independentemente do tipo de equipo de recepción de sinal dos edificios, toda a poboación destes 58 municipios de Lugo deberá resintonizar os seus televisores co mando a distancia a partir do 11 de febreiro.

O aceso das novas frecuencias de TDT nestes 58 municipios, que reciben a sinal da área xeográfica de Lugo, produciuse o 18 de setembro de 2019. Como continuación do proceso de liberación do Segundo Dividendo Dixital, a partir do 17 de febreiro comezará o aceso en Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, que reciben o sinal de televisión da área xeográfica de Ourense. Pola súa banda, en Muras, incluído na área xeográfica de Coruña Norte, non haberá cambios en ningunha canle estatal nin autonómica, xa que estes mudáronse á banda de 700 MHz no Primeiro Dividendo Dixital.

AXUDAS PÚBLICAS

Para minimizar o impacto deste proceso sobre a cidadanía, o Consello de Ministros aprobou mediante Real Decreto o pasado 21 de xuño de 2019 a concesión directa de subvencións ás comunidades de propietarios afectadas, por un valor total de 145 millóns de euros, xestionadas pola empresa pública Red.es. A contía da subvención oscila entre 104,3 € e 677,95 € por edificación, en función da infraestrutura previamente instalada no edificio.

As solicitudes de axudas poderanse presentar online ata o 30 de setembro de 2020, tras realizar previamente a adaptación das instalacións de recepción do sinal de TDT. Será necesario presentar a documentación xustificativa, incluíndo a factura e o boletín de instalación. Só se poderán solicitar axudas para as actuacións realizadas por empresas instaladoras do Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións da Secretaría de Estado para o Avance Dixital ( SEAD).

CANLES DE INFORMACIÓN Á CIDADANÍA

Os cidadáns e cidadás poderán consultar todas as súas dúbidas na páxina web http://www.televisiondigital.es/ e nos teléfonos 901 201 004 e 910 889 879.

SEGUNDO DIVIDENDO DIXITAL

O cambio de frecuencias da TDT prodúcese como consecuencia do chamado Segundo Dividendo Dixital, polo que se debe liberar antes do 30 de xuño de 2020, por mandato europeo, a banda de 700 MHz do espectro radioeléctrico para permitir o despregamento de futuras redes de telecomunicacións 5 G. Este proceso non implicará a aparición nin desaparición de canles de televisión -simplemente desprázanse de frecuencias-. Tampouco supoñerá a obsolescencia de televisores nin descodificadores TDT.

Mantense así a aposta por situar a España entre os países líderes no desenvolvemento da tecnoloxía 5 G, que impulsará a competitividade do tecido empresarial e facilitará a aparición de innovacións disruptivas.