Unha lección sobre arquitectura en madeira

Lugo Biodinámico é un proxecto que construirá un edificio en madeira para facer fronte ao desafío climático

Recreación do edificio Impulso Verde, que terá un xardín interior vertical
Recreación do edificio Impulso Verde, que terá un xardín interior vertical

Un edificio que será unha lección. Así pode definirse o inmoble que se levantará nos arredores de Lugo, nunha parcela que é propiedade do Concello. A iniciativa, que forma parte do proxecto Lugo Biodinámico, consiste na construción dun edificio de catro plantas que terá unha superficie de 680 metros cadrados e coa madeira como elemento destacado.

Ese emprego da madeira concíbese como unha aposta pola arquitectura sostible e tamén como unha forma de demostrar que ese material (neste caso usarase madeira contralaminada de piñeiro insigne [Pinus radiata]) é perfectamente aplicable aos usos que se asignan a outros. As funcións do edificio serán varias, pois albergará dependencias municipais e unha zona de iniciativas empresariais e terá un miradoiro. Está concibido para que a xente o visite, pero non só polo seu aspecto, senón tamén por outros detalles que se lle incorporarán.

EFICIENCIA ENERXÉTICA

En primeiro lugar, buscarase reducir o consumo enerxético: para iso buscouse a mellor orientación posible con respecto ao sol. Doutra banda, colocaranse placas solares, aínda que seguramente non chegarán para cubrir as necesidades do edificio. A calefacción funcionará con biomasa, e a calor expandirase por un sistema de chan radiante. O consumo enerxético medirase cuns sensores repartidos polas distintas dependencias. O aforro de consumo enerxético calculado sitúase arredor dun 74 % fronte a outros edificios xa levantados e nun 54 % fronte a outros de nova construción.

Ao mesmo tempo, as emisións de CO2 serán moito menores que se se tratase dunha construción de formigón e de aceiro (50 toneladas fronte a 470) e o edificio terá capacidade para absorber emisións. A intención de loitar contra o cambio climático está moi presente neste proxecto do Concello lucense.

O xerente do programa Lugo Biodinámico, Boris Hinojo, destaca que o edificio terá outro valor didáctico, pois poderá servir para superar reticencias ou prexuízos sobre as posibilidades da madeira na construción, que nesta zona de Europa, di, aínda permanecen, mentres que noutras, sobre todo no norte, xa se superaron. «Hai que ir derrotando eses prexuízos», recalca.

Non hai que pensar que unha estrutura de madeira é especialmente vulnerable nun incendio, senón máis ben o contrario. A clave está en que as estruturas de madeira contralaminada van ensambladas en sentido perpendicular, o que as fai máis resistentes ao lume. Boris Hinojo recorda que a madeira non só aguanta mellor que o formigón e o aceiro (non hai máis que ver, di, as vigas que se manteñen tras un incendio no que outros elementos foron destruídos), senón que ademais avisa de cando vai caer.

A eses valores didácticos engadiráselles dous máis. Polo material que se usará, a construción será máis rápida e pola localización da parcela (á beira da avenida Infanta Elena, un dos principais accesos ao centro de Lugo) os traballos serán vistos por lucenses e por forasteiros, de modo que non pasarán inadvertidos. Está previsto que a licitación se peche nos próximos meses, polo que se supón que ao longo deste ano xa se verán resultados. O orzamento das obras situarase arredor do millón de euros.

Feito en Galicia con materiais galegos

As leccións que se poderán aprender terán Lugo como escenario, pero non só será a cidade amurallada o lugar onde se mostrarán posibilidades e tendencias dunha nova forma de concibir e de desenvolver a arquitectura. Será ademais un lugar conectado coas posibilidades que ofrece Galicia neste ámbito: en primeiro lugar, a madeira contralaminada terá que cortarse na comunidade; en segundo lugar, o edificio levará un revestimento de lousa, que tamén procederá de canteiras próximas. O concepto de proximidade buscouse como unha forma de evitar longas viaxes, que xeran un maior gasto en combustible e máis emisións á atmosfera.

XARDÍN VERTICAL

Dentro do edificio haberá un xardín interior vertical, cuxo deseño está a ultimar persoal da Universidad Politécnica de Madrid e da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Tamén a contorna será nova, xa que se crearán uns hortos urbanos abertos aos veciños. Nas proximidades do río Rato, un pequeno afluente do Miño que bordea a cidade, xa funcionan hortos dese tipo, pero estes, aínda que o contido non está totalmente concretado, serán algo diferentes.

O edificio, coas súas novas ideas, non se levantará nunha contorna allea a estas novas tendencias. Preto, entre os polígonos das Gándaras e do Ceao, crearase un bosque dunhas cinco hectáreas de extensión con oito partes distintas (bosque de ribeira, con especies como o salgueiro, o chopo ou o freixo; cerqueiral; bosque mediterráneo; dúas carballeiras; faial; bidueiral, e bosque mixto) e cunha zona próxima de matogueira, que se concibe como refuxio de fauna, sobre todo de aves.

Non será a única zona de arboredo, posto que se prepararán varias leiras para castiñeiros (plantaranse de cinco clases distintas) e para cultivos enerxéticos, de maneira que as achas poidan usarse en caldeiras de calefacción.

ACTIVIDADES

  • Pescuda que tipos de madeiras adoitan empregarse nas casas rurais galegas, por exemplo para as vigas, os faiados, os pisos, as portas, as fiestras… E nas cortes e outros anexos.
  • En que se diferencian o bosque de ribeira e o mediterráneo?
  • Pescuda se a lousa ten vantaxes sobre as tellas para cubrir unha casa.
  • Desde esta ligazón: https://bit.ly/36lyCTZ, descarga o PDF «Presentación características edificio Impulso Verde», onde poderás aprender máis sobre esta construción ecolóxica.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha lección sobre arquitectura en madeira