Lugo: «Nós non vemos que pasase a crise»
Amadora Núñez fai un balance negativo da situación pese á suposta bonanza
Lugo / La Voz
O Banco de Alimentos de Lugo atende ao redor de 2.000 familias, unhas 10.100 persoas de toda a provincia segundo o último control da Xunta. Delas, case 600 son nenos lactantes menores de tres anos e un milleiro teñen menos de 12. Amadora Núñez, a presidenta da entidade, recoñece que a situación mellorou, pero que «para nada» saímos da crise. De feito, según ela, o número de usuarios do banco non para de crecer.
-O peor da crise económica xa pasou. Necesitan menos lucenses facer uso do banco de alimentos?
-Nós non vemos que pasase. É máis, temos xente que atopou un traballiño, pero co salario que teñen non lles dá para comer e manter os gastos de unha casa. Ensínanche as nóminas, botas as contas e ves que é imposible que esa xentiña saia adiante.
A cantas familias axudan hoxe en día?
-Damos axuda ao redor de 2.000 familias de toda a provincia, contando a delegación de Monforte e a da Mariña. Tamén enviamos material a 54 centros -de menores, da terceira idade e de discapacitados- e a varias asociacións.
-Que é o que máis necesita o banco de alimentos?
-O que máis necesitamos sempre son os produtos máis básicos: pasta, arroz e leite. Sería marabilloso aceite, conservas, legumes... Pero o fundamental é o que a un pai ou a unha nai lle permite facer a base para unha comida.
Derbi gallego solidario ante el COB Ourense para despedir el 2019
-Son solidarios os lucenses co banco?
-A xente foi moi xenerosa durante a crise. Moi xenerosa! Sempre aparece alguén pola porta con froita, ovos ou leite cando máis o necesitamos. As lácteas, por exemplo, colaboran todas. É máis, son elas as que chaman para ofrecerse a colaborar.
-Hai algún perfil de usuarios?
-Non hai un perfil. Temos desde empresarios que de un día para outro pasaron de ter 18 empregados a ter que recorrer a nós; xente maior soa; familias monoparentais; persoas enfermas que tiveron que deixar de traballar por enfermidades moi graves... Tampouco hai un perfil de quenes colaboran: desde o máis humilde, ao máis alto.
-Que opina de quenes din que só se benefician das axudas sociais «os de fóra»?
-Os máis son de aquí. Agora temos unha chea de xente de Venezuela, de Cuba, xente que vén de campos de concentración en Siria... Pero a maioría dos usuarios son de aquí. E a maior parte dos que veñen de fóra son fillos e netos dos que saíron de aquí movidos pola fame, que agora teñen que regresar tamén por fame.
Temos infinidade de venezolanos, arxentinos, uruguaios... e case todos teñen raíces galegas. Moitos chegaron a ter unha vida plena -coa súa casa, os seus negocios, aforros...- nos seus respectivos países, pero por un motivo ou por outro agora perderon todo. A Xente non se dá conta de que, por moi boa que sexa a súa vida agora, non está libre de verse nesa situación.
Comentarios