«O Concello átase a un plan de hai anos sen ter en conta os cambios na cidade»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Andrea Regueiro

O conselleiro defende que o MIHL e o auditorio obrigan a reformular a folla de ruta turística e cultural de Lugo

16 dic 2019 . Actualizado a las 18:03 h.

Como proposta reflexionada e fundada define o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o plan que esta semana presentou para a conversión do cuartel de San Fernando en parador e a conseguinte reestruturación da oferta turística e cultural de Lugo. Unha idea que atopou unha oposición frontal no Concello, dono do edificio, pero que o titular de Cultura confía en mudar.

-Como valora as reaccións ao seu ofrecemento?

-Vexo reaccións lóxicas por parte da plataforma, hai unha posición prefixada e polo menos prantéxanse valorar a nova proposta, que é ambiciosa, positiva e de futuro para Lugo. E vexo unha reacción un pouco irreflexiva e case caprichosa por parte do Concello, das dúas forzas que o integran. O Concello átase a un plan de hai anos sen ter en conta os cambios significativos na cidade e na súa oferta cultural e turística. Isto obriga a reflexionar e a presentar unha nova liña de acción.

-A que se refire cando fala de cambio significativo?

-Hai dous elementos a ter en conta. Primeiro había un proxecto para un auditorio en San Fernando que a construíu Xunta con 23 millóns de euros noutro punto, e por outra parte fíxose con fondos municipais o MIHL, un museo moi interesante pero cun uso moi cativo, 4.000 visitas ao ano. Isto ten que levarnos a reflexionar: por que imos impulsar un equipamento cultural tan potente como suporía a rehabilitación do cuartel de San Fernando a cinco minutos andando do que é un contedor cultural tan potente como é o MIHL, e que está infrautilizado? Sexamos intelixentes, aproveitemos o que xa existe, reestruturemos a oferta tendo en conta os recursos da cidade e o entorno, e apostemos por un sistema museístico que funcione en rede. E por outra parte, plantexemos en San Fernando un equipamento turístico e cultural como é un parador que posiciona un destino, dálle prestixio, e dá oportunidades de desenvolvemento tanto na creación de emprego como no desenvolvemento comercial e de restauración. Os recursos públicos non son dos políticos, son dos cidadáns e debemos darlles unha resposta lóxica e con sentidiño. Este proxecto non renuncia a un gran museo da cultura galaico romana, só que o fai nun edificio que non é o que planteou inicialmente. San Fernando, sen dúbida, merece unha intervención e debe ser sustentable, con capacidade económica e que poida xerar efectos positivos.

-A da Xunta é unha postura inamovible?

-Temos un posicionamento que nos parece que é lóxico, non improvisado nin caprichoso, que parte dun estudo moi solvente dunha consultora especializada, cuantifica a xeración de emprego directo, os efectos económicos do entorno, a sustentabilidade dun parador, e a partir de aí queremos negociar co Concello as posibilidades de platexar unha reestruturación da oferta museística. Imos ter reunións tanto coa alcaldesa como coa concelleira de Cultura debido a que nolo pediron o mesmo día por separado. Habería que preguntarse por que fan as solicitudes cada unha polo seu lado. Sentarémonos con elas, tentaremos achegar posturas e convencelas, se é posible, de que estamos ante unha gran oportunidade.

-Entendo que o parador, como punta de lanza, é innegociable.

-Esa é a proposta da Xunta tras valorala moito e entendemos que é a mellor para a cidade.

«Se hai un non rotundo do Concello, o seguinte paso terá que explicalo quen se nega a ter un parador e un museo»

O vindeiro mércores Román Rodríguez reunirase coa alcaldesa Lara Méndez. Que agarda?

-Teño a máxima consideración persoal pola alcaldesa e agardo que sexamos capaces de ter a flexibilidade suficiente para pensar no que é mellor para os cidadáns de Lugo e Galicia. Se temos a capacidade para pensar no interese xeral, é posible sacar adiante este proxecto. Con algunhas modificacións, sen dúbida, pero sacalo adiante. É importante que nos entendamos e non esteamos anclados en posturas inamovibles falando do que pasou hai anos.

-Se se atopa cun non rotundo do Concello de Lugo, cal vai ser o seguinte paso da Xunta. Cal é a folla de ruta?

-O seguinte paso terá que explicalo quen se nega a ter na súa cidade un parador e á súa vez un museo da romanización. Sería un museo da cultura galaico romana cun funcionamento absolutamente innovador e en rede, e á súa vez unha infraestrutura turística que posiciona e prestixia o destino. É un salto de calidade absoluto e ambicioso, e quen se negue, terá que explicalo.

-A concelleira de Cultura dixo que agradecía os 5 millóns da Xunta, pero que mellor os xestionaba e destinaba o propio Concello.

-E eu dígolle que os remanentes que ten o Concello de Lugo nolos transfira á Xunta, que tamén os xestionamos nós.

-Entende a postura do Concello cando lembra que foi quen pagou 2,4 millóns e que agora a Xunta cambia as regras do xogo?

-Pero dende ese momento inicial a hoxe hai dous grandes fitos que o cambian todo, a o gran auditorio nun solar da Xunta e a o fantástico museo que é o MIHL. As estratexias teñen que ter en conta estes cambios.

«Por suposto que se pode facer un parador nun BIC, o 50 % dos que hai están en BICs»

Unha das dúbidas que poñen sobre a mesa os estudosos é se realmente é posible rehabilitar San Fernando como parador tendo en conta que ao ser un Ben de Interese Cultural a lexislación que o protexe é moi restritiva. Para o conselleiro, a resposta é un si.

-En España a rede pública de paradores dinos que hai 97 dos cales o 50 % están en edificios BIC. Sen ir máis lonxe, o dos Reis Católicos. Por suposto que se pode facer, e haberá que facelo cuns criterios moi esixentes.

-Poñamos por caso que non se chega a un acordo sobre a súa proposta e que o Concello de Lugo decide, pola súa conta, afrontar a rehabilitación de San Fernando e o museo. A Xunta, como propietaria, cedería as pezas para ese museo?

-Sobre hipotéticas preguntas só caben hipotéticas respostas. Se o Concello o quere facer, pois ten remanentes para facelo, aínda que eu non lles recomendaría facelo eles sós. Porque o concello xa é propietario a cinco minutos andando doutro gran museo con moi pouco uso. Se queren facelo, que o fagan, teñen lexitimidade e nós imos colaborar na organización museográfica e nas pezas, pero quero que o pensen ben. Se tan importante é, hai unha segunda pregunta: por que cando se fixo o MIHL non se apostou directamente por este proxecto?

-A Xunta xa contactou con Paradores para trasladarlle a idea?

-Nós coa rede pública de paradores imos ter contactos, imos plantexárllelo. Xa tivemos contacto vía postal e non é a primeira vez que a Xunta restaura un edificio e o pon a disposición da rede pública de paradores. Creo que isto hai que negocialo e este é o punto de inicio, a partir de aquí imos falar e buscar puntos de encontro.

-Entón, Paradores aínda non lles respondeu.

-Non, temos agora que negociar e falar con eles a proposta.

-Hai quen considera que a sede do CGAC encaixaría mellor no MIHL e tamén quen valora que a Xunta está cambiando proxectos de cotío, como o do Pazo de Dona Urraca, que se ía destinar para oficina de turismo.

-O Pazo de Dona Urraca, igual que a casa-torre da Tinería son edificios singulares onde a Xunta está traballando para rexeneralos física e funcionalmente dende o punto de vista da cidade, de dar oportunidades a novos creadores. Parécenos moi ben que se busquen escusas para tentar desprestixiar a nosa proposta, pero temos unha visión reflexiva para reestruturar a oferta museística.